A portavoz do BNG de Viveiro, Miriam Bermúdez, rexistrou no Concello de Viveiro un total de 450 sinaturas demandando a creación dun acceso na rúa Calvario que permita o paso de vehículos de emerxencias e de servizos básicos.
As sinaturas recollidas e o seu rexistro no Concello de Viveiro, “permitirán agora á veciñanza incluír o asunto no vindeiro pleno do 4 de outubro para exixir á alcaldesa, que tome cartas no asunto resolvendo a situación desta veciñanza”, sinalou a portavoz do BNG. Bermúdez sinala que a poboación de Viveiro “está a pagar os seus impostos sen recibir servizos básicos, como ambulancia, bombeiros, a simple recollida de lixo de forma funcional, sen garantirse a seguridade pública destas persoas“.
“A demanda da veciñanza da Misericordia e que tamén defende o BNG, é que se modifique a normativa puntualmente, como xa se fixo en anteriores ocasións cando lle interesou ao Concello de Viveiro, para así poder abrir a pista que leva proxectada dende hai anos na que existen acordos coas persoas propietarias das parcelas a expropiar para a creación da mesma“, incide Míriam Bermúdez.