O Concello de Viveiro acolle este mércores, día 5 de outubro, a Festa Correlingua 2022, coa asistencia de máis de 1.000 nenos e nenas de Infantil, Primaria e Secundaria da comarca para sensibilizar á sociedade sobre a importancia de defender a lingua galega.
A presentación do evento realizose esta mañá no concello, coa presenza da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro; a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega, e Paula Ferreiro, coordinadora de Correlingua na Mariña e secretaria comarcal da CIG-Ensino.
“Unha ledicia para Viveiro acoller esta cita, o futuro da nosa lingua pasa porque os nenos e nenas a utilicen a diario e a defendan”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.
O acto será na explanada do pavillón municipal, presentado por Fran Rei e coa actuación de Pauliña. Intervirán tamén María Loureiro e Paula Ferreiro. ‘Fálame!’ é o lema da edición deste ano.
O Correlingua é unha proposta de carácter lúdico, educativo e reivindicativo que pretende convidar a mocidade e os centros de ensino a participar nun acto público de reivindicación do dereito de crecer en galego, e tamén a exercer de maneira efectiva como galegos e galegas a través do uso do idioma, única forma de garantir o seu futuro.
A Asociación Cultural Correlingua conta coa axuda loxística da AS-PG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a CIG–Ensino, e coa colaboración de diferentes entidades como as deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, ademais de varios concellos, como neste caso Viveiro.
Está prevista a asistencia de alumnado do IES Monte Castelo de Burela; CEIP de Cervo; CEIP de Vicedo; Colexio Plurilingüe Sagrado Corazón de Jesús, de Ribadeo; IES Illa de Sarón, de Xove, e dos seguintes centros de Viveiro: IES María Sarmiento; CEIP de Celeiro; IES Vilar Ponte; CEIP de Covas; CEIP Lois Tobío, e CPR. Plurilingüe de Landro.