A alcaldesa de Viveiro alerta que o veto da UE pon en risco “moitísimos postos de traballo”

María Loureiro expresou a súa confianza "nas administracións, no goberno de España e na Xunta de Galicia" para, con presión, reverter a prohibición imposta por Bruxelas.

María Loureiro, alcaldesa de Viveiro. AXM

A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, admitiu este mércores estar preocupada polos postos de traballo que se poidan perder no municipio polo veto imposto pola Unión Europea á pesca de fondo e que se porá en marcha a partir do próximo nove de outubro se finalmente non se dá marcha atrás.

Loureiro admitiu que corren risco “moitísimos postos de traballo”, facendo fincapé en que “o sector pesqueiro é un sector moi importante en Viveiro, xunto co sector servizos”. “A pesca é un sector fundamental e move moitos postos de traballo”, incidiu. A rexedora admitiu que está “preocupada” por esta situación, que se engade ás dificultades económicas xeradas pola pandemia, que “este veto complica aínda máis”.

No entanto, María Loureiro expresou a súa confianza “nas administracións, no goberno de España e na Xunta de Galicia” para, con presión, reverter a prohibición imposta por Bruxelas. “As administracións locais, a autonómica e a estatal temos que estar unidas para que isto, finalmente, non saia adiante”, esgrimiu a alcaldesa de Viveiro.

No pleno celebrado este martes, toda a corporación, por unanimidade, sacaba adiante unha moción de emerxencia que propuxo a Confraría de Pescadores de apoio ao sector pesqueiro. Os portos de Celeiro, en Viveiro, xunto co de Burela, son das dársenas máis prexudicadas por este veto.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here