A directora da UNED de Lugo, Ana Traseira, e alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, amosaron a súa satisfacción pola implantación de tres novos graos no centro lucense, que permitirán ao alumnado da Mariña estudar Maxisterio: Educación Infantil, Enxeñería da Enerxía ou Ciencias Ambientais a través da modalidade semipresencial sen desprazarse do seu lugar de orixe.
A directora da UNED resalta a importancia da formación dos futuros docentes e a contribución á Educación de Calidad a través do grao en Maxisterio. A formación en enxeñería da enerxía é máis que acaída neste momento de crise enerxética que estamos a vivir, na que a sociedade necesita respostas enerxéticas que contribúan a diminuír a dependencia dos hidrocarburos e ao emprego de fontes renovables que minimicen o impacto da produción de enerxía no planeta.
O compromiso medioambiental dende o nivel municipal forma parte da estratexia do centro universitario de Lugo, por iso tamén ofrecerán o Grao en Ciencias Ambientais. «A UNED de Lugo está moi implicada coa xustiza social e ca posta en valor do patrimonio medioambiental, polo que os futuros ambientalistas terán coñecementos que farán posible que participen na investigación e a mellora destes ámbitos», explicou Traseira. As tres carreiras cursaranse en catro anos na modalidade semipresencial. A UNED non ten prazas límites, polo que todo o alumnado que desexe cursar os graos simplemente ten que cumprir cos requisitos de acceso.
María Loureiro destacou a colaboración fluída coa UNED, que no concello de Viveiro está máis que consolidada, e que é garante de formación universitaria de calidade e proximidade para a sociedade mariñá. Tamén, aproveitou para felicitar a UNED polo seu cincuenta aniversario.