O Concello de Viveiro será protagonista mañá venres no Día do Mar que se celebrará en Xantar 2002, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que ten lugar ata o próximo domingo en Expourense.
A alcaldesa María Loureiro, xunto ao tenente de alcalde Jesús Fernández e a concelleira de Turismo, Marisol Rey, representarán ao concello nunha xornada tamén adicada a Ponte de Lima e á provincia da Coruña.
A axenda deste Día do Mar comezará ás 12:25 horas coa recepción e benvida polos membros do Patronato de Expourense, que dará paso a un acto conducido por Rogelio Martínez, director xerente de Expourense e Director de Xantar. María Loureiro intervirá ante aos asistentes para expoñer a oferta turística de Viveiro, o seu amplo programa cultural e festivo ao longo do ano e falar da súa gastronomía, especialmente da merluza do pincho, o produto sobre o que xirarán ás actividades previstas nesta feira internacional.
Trala súa intervención, ofrecerase a partir das 12:30 horas unha degustación gratuíta de merluza do pincho do Celeiro acompañada por empanada de merluza do pincho e Pan dos Apóstoles, o doce típico de Semana Santa.
A continuación chegará o ‘Showcooking’ que correrá a cargo de Lucas Requejo ás 13.30 horas. Baixo o epígrafe ‘ADN Gastronómico de Viveiro’, o investigador e divulgador de Ecogastronomía, director da iniciativa Prato-Do e delegado en Galicia da Fundación Ecotur, amosará as virtudes do produto estrela da mariña lucense nunha experiencia ecograstronómica onde viaxar coa imaxinación e os sentidos. Será a primeira vez que se realiza unha degustación deste tipo en directo dividida en tres pratos.
En primeiro lugar, prepararase ‘Viaxando da Estación Agroecolóxica de Viveiro ao mar do s. XVII en Viveiro’, que consistirá nunha bolacha mariñeira con alimentos da ‘non horta próxima’, sardinillas do Cantábrico en conserva e queixo afumado San Simón da Costa.
Tamén elaborará ‘Pinchando a merluza de Celeiro guisada: allo, cebola e pataca sempre fixeron guiso ‘pobre’ e con merluza do pincho de Celeiro e alga percebe, que guisada farán?’
O terceiro prato será ‘Gozando da colineta de Viveiro: a colineta era capaz de facerlle competencia, mesmo, á tradicional torta mindoniense’, escribiu Álvaro Cunqueiro.
Viveiro conta cun stand propio na 23ª edición Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2022 no que difundirá material de promoción turística e os folletos remitidos polos establecementos hostaleiros do municipio. Tamén o stand servirá de punto de encontro con turoperadores e profesionais do sector, xunto co público en xeral.