InicioOccidentalViveiroA cultura marítima e fluvial de Viveiro protagonista da iniciativa Vivemar para...

A cultura marítima e fluvial de Viveiro protagonista da iniciativa Vivemar para por en valor o mar e os ríos

As VI Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima que entre mañá venres e o domingo reunirán no Salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro a expertos e estudosos da materia, servirá como punto de saída a unha axenda chea de iniciativas e de propostas.

Publicada o

- Advertisement -

O Concello de Viveiro pon en marcha un ano máis Vivemar, a iniciativa pola cultura marítima e fluvial de Viveiro que durante este mes de novembro traballa na promoción e divulgación do coñecemento e os valores do mar e dos ríos.

“Queremos facer de novembro o mes do mar en Viveiro, tendo como base principal o obxectivo de continuar transmitindo a cultura marítima e fluvial aos nenos e nenas e de aí a necesidade de facer un encontro educativo”, suliñou María Loureiro, alcaldesa de Viveiro no acto de presentación.

Este proxecto, promovido no 2018 polo Concello de Viveiro, pasa neste 2022 a ser producido por Asociación Prato-Do e Lobisome Producións, e contarán coa colaboración da Deputación de Lugo, Puerto de Celeiro, Viveiro CCH, Africa Copias, Viveiro Cines by Proyecfilm, Educación Azul, La España Azul e o propio Concello.

As VI Xornadas de Historia e Arqueoloxía Marítima que entre mañá venres e o domingo reunirán no Salón de actos do Conservatorio Profesional de Música de Viveiro a expertos e estudosos da materia, servirá como punto de saída a unha axenda chea de iniciativas e de propostas.

A programación terá continuidade o venres 18 coa presentación do libro ‘Mar gremial das rías de Viveiro e do Barqueiro’ de Vicente Míguez, a partir das 20:30 horas, mentras que ás 22:00 emitirase o documental ‘Paco Alonso. O mal nos ollos’ nos Cines Viveiro.

Para o sábado 19, ás 11:00 horas, resérvase o encontro ‘Cultura Marítima: elaboración do catálogo de recursos na Mariña de Lugo’ baixo a moderación de Dane García, e xa ás 12:00 horas a mesa redonda ‘Conversa entre Artes: Que foi e pode ser da pesca en Viveiro?’ coordenada por Anxo Rodríguez, director do programa da TVG ‘Vivir o Mar’. Ás 12:50 horas, a Sala Multiusos do Concello de Viveiro acolle a presentación da revista ‘Nova Ardentia’ con Emilio Insua, Antón Mascato e Dane García.

Será o domingo día 20 cando se leve a cavo un roteiro guiado polo patrimonio marítimo de Viveiro que sairá de Os Castelos de Covas con chegada a Celeiro.

As citas deste Vivemar 2022 continuarán o venres 25 cun encontro educativo e a limpeza colectiva cos proxectos nacionais ‘Educación Azul’ e ‘La España Azul’, seguido ás 18:00 horas da iniciativa ‘Historias románticas do mar’ de Suso Martínez.

O domingo 27, ás 12:30 horas, será de novo momento para as presentacións, neste caso do libro ‘Tarrafas, Un Arte’ de Andrés Díaz Ferro, un acto moderado por Jesús Fernández, tenente de alcalde e concelleiro do mar do Concello de Viveiro.

Será ás 13:30 horas cando teña lugar o acto de clausura ‘Vivemar: vide cantar’ da man de Catro Vellos Mariñeiros na Praza Maior. Imprescindibles tamén os escaparates da cultura marítima e fluvial na Libraría África Copias.

 

ÚLTIMAS

Dous cabalos invaden a A-8 en Lourenzá

Ás 9.05 horas deste sábado á altura do quilómetro 536 da A-8, no municipio...

Melloras no edificio dos armadores do porto de San Cibrao para facilitar as súas condicións de traballo

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, remarcou o futuro acondicionamento do edificio dos locais dos armadores no...

Colapsa unha parede do cemiterio de Barreiros deixando féretros e algunha caveira á vista

Veciños do municipio de Barreiros avisaron este venres do derrube dunha parede do cemiterio...

Sete persoas intoxicadas por monóxido de carbono nunha vivenda en Foz

Un total de sete persoas, das cales dúas son menores de idade, necesitaron asistencia...