O Concello de Viveiro acolle mañá sábado o Fórum Lugo 2022, un encontro que reúne as propostas finalistas da Copa de España Creativa 2022, co obxectivo de recoñecer as iniciativas máis creativas e innovadoras para o desenvolvemento sostible no ámbito nacional.
A Deputación de Lugo, gañadora da pasada edición co seu proxecto de recuperación de soutos na Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia e Becerreá, exerce este ano de anfitrión e incluíu a Viveiro como unha das sedes do seu programa, que consiste en presentacións dos 18 proxectos que concorren ao galardón, foros con expertos de primeiro nivel e visitas a recursos patrimoniais da provincia.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, dirixirá o terceiro dos foros sobre ‘Transición Digital para la Dinamización Turística, Inclusión social e integración de la economía local’.
O acto terá lugar entre as 12.45 e as 13.30 horas na Sala Multiusos de Viveiro coa presenza de Teresa Perales, presidenta do xurado da Copa España Creativa Lugo 2022. Xunto á gañadora de 27 medallas paraolímpicas e premio Princesa de Asturias 2021 intervirá Suso López, da Productora Gaita Filme.
A Copa de España Creativa 2022 entregarase mañá sábado nunha gala que acollerá o Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) a partir das 20:30 horas.