Viveiro entrega o documento íntegro do seu PXOM en espera do informe da Axencia Galega de Infraestruturas

O Concello de Viveiro realizará diferentes obras de mellora nas Pallaregas, uns traballos incluídos dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación de Lugo.


O Concello de Viveiro entregou o documento íntegro do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) para que este organismo realice posteriormente a emisión do seu informe.
A última reunión coa AXI tivo lugar en xullo deste ano e xa se incorporou ao PXOM todos os requirimentos realizados por parte da Xunta de Galicia, que é o que se vén facendo sempre, traballando de forma consensuada en beneficio dos intereses dos veciños e veciñas de Viveiro.
O Concello de Viveiro é consciente da importancia que a aprobación do PXOM ten para o desenvolvemento do municipio e, neste sentido, o seu impulso sempre foi unha prioridade. Nunca se deixou de traballar; ao longo da tramitación atopáronse moitos obstáculos, pero grazas ao traballo do Concello de Viveiro, o documento final xa está listo e enviado.
Por parte da Alcaldía, vense facendo un seguimento constante co equipo redactor sobre o punto concreto no que, en cada momento, se atopa a tramitación. Ademais, todos os concelleiros e concelleiras da Corporación son coñecedores das reunións mantidas polo Concello sobre este asunto na Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), en Santiago de Compostela. As últimas reunións foron en setembro de 2021 e en xullo de 2022, ás que asistiron os representantes dos grupos municipais que así o desexaron.
Dende a Alcaldía tamén se veñen convocando reunións de traballo para informar aos voceiros sobre a tramitación do PXOM, celebrándose ata oito xuntanzas neste sentido dende 2009. Polo tanto, a Corporación Municipal ten coñecemento de primeira man sobre a fase na que se atopa e seguiranse convocando reunións cando se produza algún avance ou información relevante na súa tramitación.
Para a aprobación do PXOM, o Concello de Viveiro depende doutras administracións, que son as deben emitir os seus informes e dende o concello estase facendo todo o que elas requiren. Ademais, o equipo redactor do plan mantén reunións e está en contacto con estas administracións para ir consensuando o plan e realizando as modificacións que se solicitan.
O retraso na aprobación do PXOM vén motivado porque nas diferentes consellerías, no seu momento, retrasárano ata dous anos e de aí deriva esa demora. Agora o concello quere que haxa un consenso, por iso se convida ás reunións coa Xunta de Galicia aos voceiros dos grupos políticos.
OBRAS DE MELLORA NAS PALLAREGAS
O Concello de Viveiro realizará diferentes obras de mellora nas Pallaregas, uns traballos incluídos dentro do Plan Provincial Único de Cooperación cos Concellos 2022 da Deputación de Lugo.
As melloras consistirán na reposición do firme do vial denominado pista Ponte Feve-Casería, así como parte do ramal do vial pista Vilar de Abaixo-O Rego, que dá acceso ás vivendas de Porta Leira, na parroquia de Covas.
Este proxecto, que conta cun orzamento de 129.882,11 €, tamén inclúe a substitución da rede de abastecemento de auga na parte do vial principal, debido ao seu deterioro. Dotarase de formigón nas zonas onde existen máis edificacións para garantir unha correcta circulación das augas pluviais e farase unha sinalización vial, tanto horizontal como vertical.
O expediente para proceder á contratación destas obras nas Pallaregas, tal e como se lle explicou dende o Concello de Viveiro aos veciños das Pallaregas, atópase en tramitación.
BNG
O BNG de Viveiro preguntara no último pleno sobre esta actuación sinalando que “o arranxo da estrada principal das Pallaregas, prometida por María Loureiro para, un mes máis tarde o seu concelleiro de obras do PSOE, afirmar que non se ía amañar por falta orzamentaria”.
Nun comunicado emitido  polos nacionalistas viveirenses sinalan que “o PSOE dixo que era mentira a información que lle proporcionaron ao BNG e que se ía amañar esta estrada, aínda que a realidade é que as máquinas alí estiveron arranxando outros viais e agora non están, deixando o vial vertebrador das Pallaregas sen amañar”.
“Aínda que tarde, agardamos que polo menos retomen as obras nesta estrada das Pallaregas, e a poder ser, aproveiten para repasar outras masas asfálticas, pois non é a única estrada do lugar que necesita de mantementos“, rematou sinalan do BNG de Viveiro.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here