A Concellería de Benestar Social do Concello de Viveiro organiza, o sábado 3 de decembro, o curso de formación ‘Comprender e apoiar a nenas e nenos no espectro do autismo’ para familias e profesionais.
A formación, financiada polo Concello, será impartida por Marlene Horna Castiñeiras, psicóloga que dende hai máis de dúas décadas traballa apoiando a persoas no Espectro do Autismo e a súa contorna. Na actualidade forma parte da Unidade de Apoio en Contextos Naturais da Asociación Autismo BATA. A compostelá conta cunha ampla experiencia como consultora, formadora e docente, ademais de ser autora do libro ‘Nenos e nenas no Espectro do Autismo. Comprensión e estratexias prácticas de apoio educativo’.
“Dende que comezamos a traballar na elaboración dun Plan Diagnóstico da situación da infancia e adolescencia no noso municipio, detectamos a necesidade de brindar tanto a familias como profesionais formación neste eido”, subliña Victoria Baamonde Gómez, concelleira de Benestar Social de Viveiro.
“Son de sobra coñecidas por moitas familias e profesionais as referencias tan positivas que existen sobre Marlene Horna como experta na abordaxe desta realidade, que precisa ser atendida dende unha perspectiva normalizadora e inclusiva en tódolos contextos. Supón para nós todo un privilexio poder contar con ela”, engade.
Marlene Horna compartirá neste curso estratexias prácticas de apoio, unha guía sobre a estruturación física dos espazos e estruturación temporal (horarios, axenda, etc.), falará sobre a relación con iguais, así como da importancia dos educadores, a familia e outros profesionais, entre outros temas. O curso levarase a cabo no Sala Multiusos da Casa do Concello de Viveiro o vindeiro sábado 3 de decembro, de 10:00 a 14:00h e de 16:00 a 19:00 horas.
A formación é de balde para familias e profesionais gracias á financiación do Concello de Viveiro, mais é imprescindible a inscrición a través da seguinte ligazón: https://forms.gle/KDs8hv7vKWytF4Zc7 ou contactando co número de teléfono 698 131 581 mediante chamada ou envío de WhatsApp. O prazo de inscrición rematará o mércores 30 de novembro, ou de ser o caso unha vez completado o aforo.