A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, acudiu a pasada fin de semana á cea solidaria “Un día para nosotras” que ten como obxectivo recadar fondos para a loita contra o cancro. A rexedora agradeceu o esforzo das organizadoras desta cita, Maribel Casas, delegada da asociación española contra o cancro en Viveiro, e Teresa Pérez, do centro E-Movere.
Ademais da alcaldesa, tamén acudiron a esta cita as concelleiras de Benestar Social e Turismo, Victoria Baamonde e Marisol Rey, respectivamente.
O evento contou tamén coa presenza de María Luz Abella, presidenta na provincia de Lugo da Asociación Española contra o cancro (AECC), a quen Loureiro agradeceu o traballo que realizan dende a entidade.
Tras varias edicións suspendidas pola pandemia, a cita retomouse cunha alta participación no Hotel Thalasso Cantábrico Las Sirenas, doando unha parte do prezo do menú á AECC. Ademais, o evento contou coa implicación de negocios da vila de Viveiro e con aportacións a través da fila 0 das persoas que non puideron asistir.
“Celebro que na vila de Viveiro contemos cun equipo que coordina este tipo de accións. A esta cea súmanse outras iniciativas, como a marcha solidaria ou o tapeo solidario, exemplos do carácter solidario da nosa vila e do esforzo desta asociación”, sinalou a alcaldesa de Viveiro.
Alén do altruísmo da sociedade civil, María Loureiro tamén subliñou a importancia na loita contra o cancro “da investigación; da sanidade pública, que defendemos para que estea ao servizo dos doentes; e do traballo das asociacións como a AECC”.