Clausura das XXVI Xornadas Técnicas do sector pesqueiro en Celeiro coa asistencia da alcaldesa de Viveiro

A deputada destacou a necesidade de atender ás novas pautas de “consumo” e ás novas técnicas de “comunicación” para mellorar a comercialización dos produtos do mar.


A Deputada de Muller e Igualdade e Alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asistiu este sábado á clausura das XXVI Xornadas Técnicas de Difusión do Sector Pesqueiro de Celeiro, unha cita que converteu estes días á Mariña no epicentro do sector pesqueiro, e nas que se abordaron as principais preocupacións da flota, como o veto europeo á pesca de fondo. Unha decisión, calificou Loureiro, “de desproporcionada e inxusta das autoridades da Unión Europea, contra a que o Goberno de España presentou xa un recurso, que todos e todas esperamos que sexa atendido”.

A deputada destacou a necesidade de atender ás novas pautas de “consumo” e ás novas técnicas de “comunicación” para mellorar a comercialización dos produtos do mar. Para iso, recalcou “é necesario que as administracións executen os seus orzamentos, e que esas cifras de récord que se escriben sobre o papel cheguen realmente á xente e ós sectores produtivos”. Algo esencial porque, “para resultar cribles fóra e esixir á Unión Europea, hai que dar exemplo dende dentro, dende Galicia, incrementando tanto os fondos dedicados á pesca, como, sobre todo, o grao de execución dos mesmos”, afirmou.

Loureiro agradeceu á Organización de Produtores Pesqueiros do Porto de Celeiro e a Confraría de Pescadores Santiago Apóstolo, pola celebración destas xornadas que contaron cun amplo programa e relatores de primeiro nivel, “que converten ó noso concello nun centro de debate e reflexión sobre a situación do sector pesqueiro, e serve de altofalante das súas necesidades e xustas reivindicacións”, indicou.

Así mesmo, sinalou, que para que a Mariña e a provincia teña futuro dende a Deputación consideramos que “é prioritario manter a nosa pesca como sinal de identidade e motor económico e de emprego, polo seu peso no PIB e o seu impacto no deseño da oferta gastronómica e turística”, así como un plan industrial que “levamos tempo reclamando”.

As Xornadas de Pesca de Celeiro poñen hoxe fin a tres días de intenso debate e reflexión, nos que se combinaron o formato presencial e online. Entre os asuntos de interese que se abordaron destacan temas de calado e de actualidade como a financiación, a xestión marítimo-pesqueira e portuaria, así como o impacto da eólica mariña na pesca, e a Política Pesqueira Común (PPC).

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here