Os deputados Patricia Otero Rodríguez, Julio Torrado Quintela e Marina Ortega Otero, pertencentes ao Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, ao abeiro do disposto no artigo 152 do Regulamento da Cámara, presentarán ante a mesa do Parlamento unha pregunta para a súa resposta oral na Comisión 5ª.
O PSdeG denuncia os inaceptables problemas que dende hai tempo padece o servizo de pediatría do centro de saúde de Viveiro. “Non é un problema puntual, levan moito tempo así, con tempadas nas que hai un só pediatra no centro”.
Dende hai días a situación agravouse, xa que faltan os dous pediatras deste centro de saúde, que atende a máis de 1.600 nenos e nenas, non só de Viveiro, senón que esta carencia tamén afecta aos menores dos concellos de Ourol e O Vicedo.
Os socialistas da Mariña denuncian que ante esta situación os nenos están a ser derivados ao servizo de urxencias ante a imposibilidade de ser vistos por un pediatra no centro de Viveiro.
Apuntan tamén que son numerosas as queixas das familias pola carencia deste servizo de pediatría no centro de saúde de Viveiro, e vimos como o pasado domingo, 20 de novembro, tiña lugar unha concentración moi numerosa diante deste centro na que se lle esixía ao Sergas que o dotase de especialistas de forma estable, pedían a cobertura das dúas prazas de pediatría. Foron tantas as reclamación presentadas polos pais e nais no día de onte, que a propia Plataforma Sanitaria da Mariña esgotou os formularios de reclamacións.
Por iso, as deputadas e o deputado que asinan, formulan as seguintes preguntas:
1ª) Pensa o Goberno galego que nesta situación está garantida unha asistencia pediátrica de calidade no centro de saúde de Viveiro?
2ª) Vai a Xunta de Galicia cubrir as prazas de pediatría do centro de saúde de Viveiro? De ser o caso, en que prazo prevé que as prazas estean cubertas?