O vindeiro mércores preséntase a campaña impulsada polo Concello de Xove para promover o uso do galego na actividade empresarial, Xoveemprende en Galego.
Trátase dunha serie de vídeos gravados polo director de cine Xacio Baño, que compaxinou a realización da campaña coa promoción da súa longametraxe ‘Trote’.
Os protagonistas das montaxes son seis emprendedores xovenses que elixiron a lingua propia para iniciar os seus proxectos profesionais, en diferentes eidos.
Nacho Rodríguez de Evox Vertical, Fabián Ben de Emarela, o topógrafo Samuel Míguez, a consultora Lucía Canoura, o peixeiro Iván Rodríguez e Marta Louzao, de Centro Estética Marta, responden a diferentes preguntas sobre o uso da lingua nos seus negocios.
Seis emprendedores e emprendedoras de Xove protagonizan os vídeos da campaña
Cres que se alguén che fala castelán no teu negocio, ti debes falarlle castelán ou que é correcto falarlle en galego se o entende perfectamente? Por que cres que moita xente nesta situación cambia de idioma pasando ao castelán? Empregas o galego nas túas redes sociais? Son algunhas das cuestións sobre as que reflexionaron estes novos empresarios que, o mércores, participarán na presentación dos vídeos canda Xacio Baño.
O acto, que se celebrará ás 20.30 horas no Salón de Actos, tamén contará coa participación de Paula Patiño, de Cambre, que explicará a súa experiencia como impulsora dunha empresa de marmeladas e conservas vexetais.
GALEGO E EMPRESA
A campaña, impulsada desde o Departamento de Emprego e Desenvolvemento, pretende difundir a cultura emprendedora e incrementar a conciencia de que o uso do galego pode favorecer as relacións empresariais, laborais e comerciais.