A curva onde se produciu o accidente que custou a vida a catro mozos de Ribadeo en Xove “é un lugar onde non hai ningunha sinalización e o peralte está ao revés”, declara o alcalde de Xove.
O alcalde de Xove, Demetrio Salgueiro, declarou a Xornal da Mariña que a estrada LUP-2604, coñecida entre a veciñanza como “a estrada da Rigueira”, está repleta de deficiencias e carencias que van desde o mal estado do firme e a falta de medidas de seguridade, algo que acontece na curva de Palmeiro, lugar onde se produciu o accidente na madrugada do pasado sábado. “Esa curva ten un peralte construído ao revés, non hai sinalización nin no chan nin vertical e tampouco hai un ‘quitamedos’”, declara Salgueiro que tamén apunta “o desnivel da curva é de catro metros”.
Demetrio Salgueiro sinala que “teño pedido por cinco veces durante os últimos meses unha reunión coa Deputación de Lugo para solucionar o estado desa vía e doutras que tamén son competencia provincial”. A última resposta que recibiu o alcalde xovense da Deputación “foi en outubro de 2022, que están pendentes da achega de Fondos Europeos e que nese caso poderán colaborar coas reparacións”.
“Temos ofrecido asumir o 50% dos custos para arranxar esta vía con fondos municipais” remarca Salgueiro, quen recorda que co anterior presidente provincial, o socialista Darío Campos, se asinara un acordo para a reparación do viario. “O actual goberno provincial PSOE-BNG votou a favor de anular o acordo”.
Sobre os fondos europeos que espera a Deputación, Salgueiro non sabe se o organismo provincial ten preparado un novo proxecto de reparación. “Nesa estrada non temos competencia, por tanto non podemos proxectar nin licitar sobre ela”.