O Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes de Tráfico da Garda Civil ten previsto desprazarse o vindeiro mércores, 7 de xuño, á localidade lucense de Xove para reconstruír o accidente ocorrido o pasado 1 de abril no que perderon a vida catro novos, co obxectivo de realizar os traballos de campo necesarios para a confección dunha inspección técnico ocular complementaria.
Neste accidente faleceron catro persoas que viaxaban no vehículo xunto ao condutor, que ingresou na UCI, e unha sexta persoa que saíu polo seu propio pé e que foi atendido horas máis tarde nun centro sanitario e do que foi dado de alta ás poucas horas.
Tras o sinistro, o Xulgado de instrución número 2 de Viveiro, en funcións de garda, abriu dilixencias e autorizou a remisión de mostras de sangue a un laboratorio, que arroxaron un resultado positivo de alcol no condutor.
A Garda Civil, que practicou as primeiras pescudas do accidente para a súa remisión ao xulgado, tamén procedeu a investigar ao outro ocupante sobrevivente (un dos dous que levaba o cinto de seguridade posto) por se cometeu un delito de omisión do deber de socorro, “ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer aos outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio”.