Un equipo especial da Garda Civil reconstruirá este mércores o accidente no que o pasado 1 de abril morreron catro novos que viaxaban xunto outras dúas persoas nun coche que se saíu da estrada, impactou contra un poste do tendido eléctrico, deu unha volta de campá e acabou despeñándose por un desnivel duns 4 metros.
A primeira hora da mañá está previsto que comecen a traballar sobre o terreo os profesionais do Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes de Tráfico (Dirat) da Benemérita, que levarán a cabo un labor de campo para confeccionar un informe sobre o sinistro viario ocorrido na mañá do 1 de abril na estrada LU-P-2604.
Neste accidente faleceron catro persoas que viaxaban no vehículo xunto ao condutor, que ingresou na UCI, e unha sexta persoa que saíu polo seu propio pé e que foi atendido horas máis tarde nun centro sanitario e do que foi dado de alta ás poucas horas.
Tras o sinistro, o Xulgado de instrución número 2 de Viveiro, en funcións de garda, abriu dilixencias e autorizou a remisión de mostras de sangue a un laboratorio, que arroxaron un resultado positivo de alcol no condutor.
O accidente produciuse o 1 de abril no quilómetro 1.100 da LUP-2604 nunha curva pronunciada na Rigueira, nas proximidades da urbanización Palmeiro, en Xove, e foi localizado por un veciño ás 9,40 horas do sábado, pero estímase que ocorreu varias horas antes. No asfalto non quedaron sinais de freada do vehículo.
A Garda Civil, que practicou as primeiras pescudas do accidente para a súa remisión ao xulgado, tamén procedeu a investigar ao outro ocupante sobrevivente (un dos dous que levaba o cinto de seguridade posto) por se cometeu un delito de omisión do deber de socorro, “ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer aos outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio”.