Mariña Patrimonio cuestiona a actuación dos técnicos da Xunta de Galicia no tocante á conservación do ‘henge’ de Lavandeiras, en Xove, que será restaurado cun investimento de 212.000 euros.
O colectivo sinala que a rexeneración do xacemento “é unha boa nova” para o e “un triunfo para todas as persoas que defenden” os sitios arqueolóxicos, pero afirma que o Servizo de Patrimonio de Lugo “non actuou todo o ben que debería” no tocante á protección do ben patrimonial.
No 2015, a asociación advertira da estrutura circular, situada no límite entre os municipios de Xove e Viveiro, e solicitara a súa inclusión no Inventario de Xacementos Arqueolóxicos. Trala inspeccion do lugar, expón a agrupación, “o Servizo de Patrimonio de Lugo redactou unha ficha normativizada, quedando este lugar unicamente como ‘referencia‘”.
“INCAPACIDADE INSTITUCIONAL”
Mariña Patrimonio afirma que a metade do xacemento fora sepultada durante as obras para construír o corredor costeiro entre San Cibrao e Celeiro, logo de que o estudo arqueóloxico elaborado para o proxecto da Vía de Alta Capacidade (VAC) non detectara o ‘henge’.
O colectivo sinala que “trala comunicarmos estes feitos á Dirección Xeral de Patrimonio, en 2017 realizáronse catas que confirman a existencia dun xacemento arqueolóxico da Idade do Bronce e agora a Xunta vén de licitar as obras para retirar a terra acumulada sobre o ben patrimonial”.
Mariña Patrimonio percibe “unha certa derrota ao comprobar a reiterada incapacidade institucional para artellar políticas eficaces de protección dos bens”.
“DOADAMENTE VISIBLE”
A asociación aféalle ao Servizo de Patrimonio de Lugo “non ter detectado a estrutura circular, doadamente visible tanto nas fotografías aéreas coma sobre o terreo. Saldar este erro vai custar 212.000 euros que saen dos petos de todos”, argumenta.
Mariña Patrimonio afirma que “soprende que a pesar da vexetación” os técnicos de Patrimonio “puideran ver o recinto circular, que ten “unha altura duns 80 a 90 centímetros” e, pola contra, “non se decataran de que a estrutura circular de Lavandeiras tiña a metade da súa superficie sepultada por un terraplén de máis de dez metros de alto”.
Para Mariña Patrimonio é “preocupante” que Patrimonio “non apreciara alteracións na estrutura circular, tal como recolle na ficha do inventario, e que non se decatara da gran acumulación de terra –13.000 metros cúbicos, segundo datos da Xunta de Galicia-, depositada sobre un xacemento arqueolóxico de tan só 50 metros de diámetro”.