Iniciosociedade"A demanda de programas de conciliación e actividades de ocio é cada...

“A demanda de programas de conciliación e actividades de ocio é cada vez maior”

Os programas Concilia Verán e Mañás divertidas son os piares da programación de actividades estivais que ofrece o concello de Xove para nenos e mocidade

Publicada o

- Advertisement -

O verán cambia as rutinas das familias. Nenas e nenos pasan de longas xornadas escolares a unha cantidade de tempo libre moitas veces difícil de xestionar ou compaxinar coas obrigas laborais das persoas adultas.

Unha das alternativas máis socorridas son os campamentos e actividades organizadas polos concellos. “A demanda é cada vez maior”, confirma Ana Abad, concelleira de Servizos Sociais de Xove, que ofrece unha axenda máis completa.

“Cando empezamos co programa de conciliación era de 10.00 a 13.00 horas, en xullo e agosto, agora ofrecémolo de 9.00 a 14.00 horas e extendémolo ata o 4 de setembro. Este ano contamos con 79 crianzas de cero a nove anos”, sinala Abad.

Programa Concilia Verán, que se desenvolve ata o 4 de setembro. AXM

ALTERNATIVAS DE OCIO

Ademais do Concilia Verán, concebido para facer posibles as obrigacións laborais das familias durante o periodo estival, o concello tamén ofrece o programa Mañás divertidas, para rapazas e rapaces de dez a 16 anos.

“Neste caso, o que se pretende é dar alternativas de ocio para que os rapaces non estean todo o tempo na casa, co ordenador ou aparellos electrónicos”, aclara Abad.

A oferta é diversa, desde manualidades, informática ou robótica ata actividades no exterior ou talleres de alimentación saudable, nos que participan unha trintena de mozos.

Sesión de “kangoo jumps”, unha das actividades incluídas no programa “Mañás divertidas”. AXM

VOLUNTARIADO

Ademais de monitores e técnicos, os asistentes están acompañados por un grupo de cinco voluntarios que fan tarefas de apoio. “Son mozos que se anotan para facer voluntariado. Aínda que a contraprestación económica non é significativa -6 euros por xornadas de 6 horas- reciben un diploma de voluntariado e pode servirlles como complemento á súa propia formación”, expón.

O voluntariado é o piar doutro novidoso programa, “Vexo Xove”, co que se pretende afondar no coñecemento do patrimonio natural do municipio. Cinco voluntarios -pregoeiros e pregoiras das bondades de Xove guían aos participantes de Mañás divertidas pola zonas do litoral xovense.

“Este ano empezamos polo litoral, pero a idea é extendelo, en próximas edicións, a outras zonas do concello. O obxectivo é recompilar ese coñecemento nun díptico e, en última instancia, que a mocidade, que así coñece mellor o concello, actúe logo como “pregoeira” dos seus recursos”, explica a concelleira.

DINAMIZACIÓN DAS PRAIAS

Outra das novidades da programación estival son as actividades de dinamización das praias que tiveron unha “gran acollida por parte de veciños e turistas”.

Ao longo do mes de xullo, organizaronse os Domingos a remollo na praia de Lago, con kayaks e paddle surf -tamén big surf, con táboas para cinco ou seis persoas-. O pasado domingo, en Portocelo, celebrouse unha festa naútica.

“Este verán decidimos apostar polos deportes náuticos. A xente achégase ás praias e pensamos que unha boa maneira de aproveitalas era propoñendo este tipo de actividades”, explica a concelleira de Xuventude e DeportesCristina Iglesias.

RUTA NOCTURNA EN KAYAKS

O vindeiro martes 13 realizarase unha ruta nocturna en kayak en Morás. “É algo que xa vimos facendo en anos pasados, con moi boa resposta. Será unha media hora nas táboas pola zona do portiño. Contamos que sexa unha noite agradable, coincide nos días de maior visibilidade das Perseidas“, convida Iglesias.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...