O Concello de Xove rematou o proceso de climatización e aireación da sala multideportiva, cunha dobre instalación de aire, climatizado por un lado e filtrado por outro. A instalación realizada ten unha capacidade de aportación de aire de 800 metros cúbicos hora, pensado para unha ocupación de 25 persoas facendo deporte ao mesmo tempo.
Dende marzo de 2020, debido ao Covid, a sala estivo prácticamente sen utilizar. Para solucionar este problema, o Concello pensou que o mellor era climatizala e potenciar a súa aireación. Todo isto pensando nas dimensións da sala e o seu aproveitamento.
A Sala Multideportiva está anexa ao Ximnasio. Dentro dela realízanse ao longo de todo o ano entrenos dalgúns deportes (fitnes, aerobic, ximnasia de mantemento e karate). O orzamento total foi de 10.258,80 €uros, financiados integramente polo Concello.