-Cal é o propósito para crear un libro sobre o patrimonio arqueolóxico de Xove?
O motivo está nos achados realizados por Patrimonio, como por exemplo o Círculo de Lavandeiras, que até o momento era o maior da Península. Este achado permite abrir liñas de investigación como a posibilidade de comunicación entre as poboacións primitivas asentadas aquí e as Illas Británicas, onde abundan este tipo de círculos. Todo isto xa digo que permite abrir liñas de investigación histórica. Tamén apareceu a mámoa de Guilán, a maior da comarca, ou o lugar de San Tirso onde se fixeron excavacións encontrando unha doa que podería ser indicativo dun comercio desde estas terras co Mediterráneo antes da chegada dos romanos. Todos estes achados danlle a Xove unha singularidade dentro da comarca da Mariña.
-Que podes andiantar da publicación?
É un traballo moi ben feito, moi ben realizado e ilustrado. A xente poderá ver con ilustracións como era o círculo de Lavandeiras. Hai pouco organizaramos unha visita co arqueólogo que nos explicou como era a distribución do círculo. Aínda así, é máis doado representalo nunha ilustración para que o público poida ver como era. Por tanto, a orixe da publicación está en achegar estes xacementos arqueóloxicos á xente e así poidan colocalos nunha liña temporal para saberen cando se fala de Neolítico, período prerromano ou Alta Idade Media. Buscamos que sexa didáctica e simple para que calquera persoa poida entender que eses lugares se vivían dunha maneira hai centos de anos ou que as mámoas eran cemiterios. Cando acheguemos estas descubertas as persoas coñecerán máis e mellor estas pezas.
-Como se foi recollendo toda a información?
Os nosos xacementos están todos catalogados por Patrimonio. Tamén hai outros catálogos como o de Litoral ou do noso PXOM. Todo iso fómolo ordenando e logo foise editando. Estas investigacións realizárona un equipo de arqueólogos que estiveron en Xove para ordenar a información e logo lle deron a forma divulgativa.
-Os arqueólogos usaron a tradición oral e a toponimia para ir buscando estes lugares?
Si, foron percorrendo Xove, entrevistándose con veciños e ademais usaron un libro que temos no Concello que editara co Colexio Público de Xove, A fonte da vida longa. Foi unha recompilación feita por Marica Campo e José Barcia,, director do colexio. Así, os nenos foron recollendo lendas e contos dos avós. Logo fixeron este libro que aínda hoxe é un material valioso.
-Cres que se pode facer unha segunda parte deste libro?
Creo que si, porque tanto a poboación de Xove como os visitantes, vemos como isto nos axuda para dar a coñecer o noso patrimonio. Un exemplo, no caso de San Tirso tivemos que ampliar os días para facer visitas guiadas. Caemos na conta que é unha cousa que non vai quedar aquí. Iniciarase a restauración da capela de San Tirso e está en marcha a segunda fase da excavación do castro. Seguramente estas excavacións dean para un novo libro. Nun futuro espero que haxa tanto material que se poda musealizar en Xove.