InicioOccidentalXoveAna Abad: "'Mañás activas' ofrece unha alternativa aos nenos e nenas para...

Ana Abad: “‘Mañás activas’ ofrece unha alternativa aos nenos e nenas para que non estean todo o día na casa”

Ana Abad, concelleira de Servizos Sociais en Xove, fálanos das "Mañás Activas" que este municipio ofrece durante o verán a nenos e nenas de entre 10 e 16 anos. Buscan que teñan alternativas ás novas tecnoloxías e así practicar deportes ou xogos de mesa en horario de 10 a 14 horas, un tempo que permite conciliar a algunhas familias e dá certa independencia aos pequenos.

Publicada o

- Advertisement -

-Cando e por que comezou o programa de “Mañás Activas” en Xove?

Hai anos que vén funcionando este programa. Os motivos eran, por unha parte, dar unha alternativa no verán, pois os rapaces e rapazas non teñen escola, por iso ofrecemos unhas mañás de ocio. Iso para que non estuveran na casa e puidesen facer diferentes actividades. O voluntariado xurde para que os mozos e mozas con desexos de ser voluntarios, se animaran para ver como é a parte práctica de “Mañás Activas”, sobre todo a parte da realización das diferentes actividades e tamén un pouco de apoio ás responsables técnicas de xuvenil. Sorprendeunos ter todos os anos listas de espera de xente que quere ser voluntario nas “Mañás Activas”. O servizo de voluntariado é só de dous anos a partir dos 16 de idade, dado que é un servizo subvencionado pola Xunta e pon esas condicións. Non obstante, temos peticións de repetir o segundo ano ante a satisfacción que lles produce este voluntariado.

-O programa entón tivo unha boa acollida.

Si, o certo é que estamos moi contentos porque dentro da poboación moza de Xove, que non ten moita, mais é certo que cada ano contamos con entre catro e cinco voluntarios. Isto tendo en conta que temos xente en reserva para os anos seguintes. O que buscamos é ter aos nenos e nenas ocupados polas mañás para non estaren enganchados ás novas tecnoloxías e que os mozos e mozas saiban como funcionan todas as actividades de tempo libre.

O servizo de voluntariado é só de dous anos a partir dos 16 de idade, dado que é un servizo subvencionado pola Xunta e pon esas condicións

-Describa como se organiza “Mañás Activas”.

As actividades van de luns a venres en horario de dez a dúas cunha serie de actividades. Fóra desas actividades hai outras organizadas con empresas como Roq Sport ou A Balea Verde. Así os nenos e nenas poden practicar balonmán e outros deportes na praia. Aquí poden participar tanto nenos e nenas inscritas en “Mañás Activas” como se non o están. Estas actividades practícanse en determinados días da semana. O resto do tempo no Centro Xuvenil sobre outras temáticas como reciclaxe, manualidades ou deportes ao aire libre.

-Existe algún requisito para que os nenos poidan entrar nestas actividades?

Que residan no Concello de Xove e teñan unha idade entre os dez e dezaseis anos. Están de dez da mañá a dúas e xa hai un programa de actividades. Se toca saír á praia de Morás, pois van en autobús e alí están desenvolvendo actividades para regresar á unha. Se non saen, están no Xuvenil facendo actividades. Poden estar tamén realizando xogos no parque ou xogos de mesa no interior.

-Cales son as reaccións que recollen das familias ante este programa?

Maioritariamente son positivas pois ven que é unha maneira para ter os rapaces e rapazas no Xuvenil. Ademais, durante todo o tempo están acompañados por monitores e monitoras de diferentes áreas. Este programa permite a algunhas familias conciliar ademais de permitir unha certa independencia aos rapaces para erguerse e ir ao Xuvenil.

O que buscamos é ter aos nenos e nenas ocupados polas mañás para non estaren enganchados ás novas tecnoloxías

-Os e as monitoras teñen que superar algunha prova para poder exercer como tal?

Non, unicamente ter ganas de colaborar nas actividades de “Mañás Activas”. É certo que estudamos o seu perfil para adaptalo ás actividades que ofrecemos. Por exemplo, agora temos un voluntario cun ciclo de informática, pois entón os mozos e mozas realizarán algo con relación á informática. Houbo anos con voluntarios con nivel alto de inglés e así se incluía o inglés nalgúns dos obradoiros.

-Estas actividades de verán repercuten no currículo escolar?

Non temos información sobre este punto. Sobre os voluntarios de tempo libre, como é unha actividade subvencionada pola Xunta de Galicia, ao final entréganlles un título que poden presentar a nivel de currículo.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...