Unha persoa foi trasladada ao hospital en Xove ao declararse un incendio nunha terraza dun edificio de vivendas, do que ademais foi necesario desaloxar a veciñanza. Segundo informa o 112, os propios veciños deron o aviso ao redor das 12,30 horas. Explicaban que o lume consumía unha grella e unha lavadora no segundo piso dun edificio.
Pasouse aviso aos Bombeiros de Viveiro e aos membros de Protección Civil da Mariña Lucense. Por precaución, o persoal do concello que se atopaba na zona optou por desaloxar o inmoble.
En canto aos traballos de extinción, os efectivos do parque viveirense ultiman neste momento a súa intervención, que se centrou nos electrodomésticos afectados polo incendio. A pesar de que non se puido precisar a orixe do lume, os bombeiros confirmaron que a estrutura da edificación non se viu afectada.