Xove celebra este sábado 19 de novembro a XV Festa do Lacón e Foliada da Mariña para animar tanto aos veciños como xente de fóra a disfrutaren dun encontro onde, á parte da gastronomía haberá tamén obradoiros infantís.
Os obradoiros están previstos para as cinco da tarde e están destinados para nenos a partir de catro anos. Traballaranse complementos artesanais e instrumentos musicais. Ás oito e media abrirase o acto central coa degustación dos menús tradicionais preparados pola xente da Asociación Saíñas e que ao final incluirán unha chocolatada.
A partir das 22:30 comezará a actuación dos diferentes grupos anunciados para a noite de foliada. Estarán Cordenaia, de Cervo, Os do 21 do Vicedo, Fol do Raxal de Cervo e Gaiteiros e Cantareiros de Saíñas de Xove.
Haberá tamén dous sorteos, o primeiro para unha estancia nun hotel de catro estrelas e spa e o segundo será unha mariscada no recoñecido restaurante Louzao.
O presidente da Asociación Saíñas de Xove, Jairo Míguez Baño, sinala que esta Festa e Foliada naceu coa idea de “recoller un diñeiro que nos permita sacar adiante proxectos desde a nosa Asociación”. Así foi como se creou “un encontro onde se ofrecera un plato típico en que se inclúen lacón, patacas, chourizo, sopa, bebidas e unha chocolatada sobre as once e media e doce da noite”. Con todo, varias horas antes, os voluntarios tanto de Saíñas e xente que se achegue, comezarán os labores de cociña asesorados por un experto na elaboración destes platos típicos.
O desenvolvemento da XV Festa do Lacón e Foliada de Xove será no Pavillón Municipal do concello. Esta é a primeira vez que ambas as dúas celebracións se organizan xuntas. Anteriormente cada unha tiña a súa data. “O noso obxectivo é atraer o maior número de persoas posible e tamén a acoller as diferentes actividades proframadas tanto para os maiores como para os pequenos”. As estimacións prevén unha asistencia de catrocentas persoas nun espazo como é o polideportivo municipal.