O Concello de Xove celebra este venres 16 de decembro a IV Gala do Emprendemento Local organizada polo Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local.
Co obxectivo de poñer en valor o talento emprendedor e o apoio ao empresariado local, no Salón de Actos municipal ás 20:30 o Alcalde José Demetrio Salgueiro Rapa presentará a GALA na que intervirán Nacho Rodríguez de EVOX VERTICAL e Andrea González de TROPIC GAIA.
Explicarán como lles xurdiu a idea empresarial; cales foron as principais motivacións; cales cren que son as súas calidades como persoas emprendedoras; cales son os puntos fortes da súa empresa; como foi o proceso de creación empresarial: avaliación da idea, busca de financiación, busca de clientela, tramitacións, axudas; atrancos cos que se atoparon; se volverían facelo; e que plans de futuro teñen.
Esta gala celébrase para pór en valor o emprendemento (especialmente o das mulleres), o desenvolvemento sostible, o talento, a lingua galega, o sinxelo, o rural, o sólido, o apoio mutuo, o respecto, a creatividade, a confianza, a responsabilidade, o comercio local, o próximo, o compromiso.
Con seguridade estas experiencias emprendedoras serán exemplos a seguir, serán referentes para aquelas persoas que teñen unha idea empresarial.
O Departamento de Emprego e Desenvolvemento Local está a disposición para ofrecer asesoramento, porque non é suficiente ter unha boa idea, é preciso avaliala e darlle forma chegando á elaboración dun Plan de Empresa viable.
Contaremos coa interpretación musical de Guadi Galego, unha das artistas máis relevantes da escena galega actual, froito dunha carreira musical que comeza sendo moi nova. O día da IV Gala do Emprendemento Local do Concello de Xove, o 16 de decembro de 2022 sae á luz o novo traballo discográfico de Guadi; Roibén.