InicioOpiniónEu non fago folga feminista | Olga Castro

Eu non fago folga feminista | Olga Castro

A activista do feminismo e tradutora cervense reflexiona sobre os dereitos conquistados polas mulleres e a posibilidade de perdelos a partir da súa experiencia no Reino Unido

Publicada o

- Advertisement -

Leron ben. Este 8 de marzo non secundarei a folga feminista. E non porque me falten motivos para secundala, non. Sinxelamente, porque se o fixese, estaría a cometer unha ilegalidade. Así é a norma sindical do país no que resido e traballo. Neste des-unido Reino Unido, a lei impídelle aos sindicatos poder convocar folga de mulleres.

Grazas a Thatcher1, a lei sindical prohíbe xa desde os 80 as folgas xerais. Grazas a Cameron2, a lei sindical prohíbe desde 2015 as folgas a menos que non vote explicitamente sobre elas como mínimo o 50 por cento das persoas afiliadas, e que o resultado dese voto sexa dunha maioría a favor.

neste des-unido reino unido, a lei impídelle aos sindicatos poder convocar folga de mulleres

Mais alén diso, os sindicatos son gremiais, polo que só poden convocarse folgas sobre aspectos directamente relacionados co emprego3, e as folgas só poden ser secundadas por quen pague cotas de afiliación ao sindicato que as convoca.

Un dato4: no ano 2015 perdéronse 170.000 xornadas laborais por folgas, fronte aos 29,5 millóns de xornadas laborais folguistas de 1979. Un grande e lamentábel retroceso, especialmente de termos en conta a inmensa vulnerabilidade da clase traballadora, vítima de prácticas laborais neoliberais e sexistas abusivas.

Certo é que as feministas aquí tamén nos mobilizamos o día 8 de marzo, con manifestacións (unicamente sete: unha no País de Gales, unha en Escocia e cinco en Inglaterra) que levan o lema #WeStrike5 [#NosoutrasFacemosFolga]. Mais é só un lema: as concentracións terán lugar pola noitiña, ao remate da xornada laboral. A folga é simbólica, non real.

IDEOLOXÍAS REACCIONARIAS ATOPAN ACUBILLO NAS CLASES DOMINANTES PARA EXPRESAR O SEU ODIO A TODO O QUE NON É HEXEMÓNICO

Esta breve reflexión sobre os retrocesos tórnase especialmente acaída neste momento no que ideoloxías reaccionarias noutrora só axexantes atopan acubillo nas clases dominantes para se manifestaren sen nada de rubor e cun ousado odio virulento (só un exemplo6) contra todo o que non sexa hexemónico.

FEMINISMO PARA O 99%

É neste mundo liberal no que necesitamos un Feminismo para o 99 por cento7 da humanidade, por definición anticapitalista, antiimperalista, antirracista, ecoloxista e transnacional (merquen o libro8!).

E tamén un feminismo feito desde o local. Como o feminismo de todos os colectivos do país que integran a plataforma Galegas8M9, incluído abofé o Observatorio da Mariña pola Igualdade. As actividades reivindicativas (enténdase, aquí non se fan chocolatadas pepeiras) discorridas polos comités de traballo occidental, central e oriental do Observatorio agruparanse na caravana feminista da Mariña10 deste 8 de marzo convocada por Galegas 8M A Mariña, que partirá do Vicedo e de Ribadeo para se atopar en Burela e percorrer a vila a pé, na manifestación do 8M.

A AMEAZA DA EXTREMA DEREITA

As mulleres da Mariña, de Galiza, doutras nacións do estado e do mundo enteiro unímonos para berrarlle ao patriarcado que non lle temos medo. Xuntámonos para aturrarlle ao machismo que somos cada días máis @s feministas, mulleres e persoas con identidades sexuais non binarias e homes, a facerlle resistencia ao sexismo fedorento porque queremos vivirmos todxs en liberdade.

QUEREMOS VIVIR TODXS EN LIBERDADE. QUE O PATRIARCADO NON TEIME EN ROUBARNOS OS AVANCES QUE TANTO CUSTOU CONSEGUIR

Agrupámonos para facer un feminismo do 99 por cento e para derrocar o capital11. Mais somos tamén realistas, e nesta época de retrocesos brutais sabemos ben das ameazas intimidadoras que supoñen os discursos retrógrados dos partidos de extrema dereita neoliberal, coa súa teima en roubarnos dun golpe os avances que paseniño, e con tanto esforzo, custou conseguir.

Este 8 de marzo eu non vou á folga feminista porque o partido conservador da dereita neoliberal de onde resido nos roubou este dereito ás traballadoras. Xa non hai máscaras nin disfraces: o lobo ten as orellas ben visíbeis. Sabemos do inimigo e, coa folga feminista primeiro e co noso voto feminista despois, non habemos deixar que roube máis. #NinUnPasoAtras

[Con fondo agradecemento á miña colega Pam Lowe, por ser exemplo inspirador de sindicalismo feminista e de clase]

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...