InicioOpiniónDous homes bos | Manuel López

Dous homes bos | Manuel López

O fundador de Gráficas Lar agradece a homenaxe a Suso Peña e lembra que se cumpren dez anos do pasamento doutro ribadense ilustre, Daniel Cortezón

Publicada o

- Advertisement -

Bos e xenerosos onde os haxa, por dereito propio, malia que estas dúas verbas —contextualizadas dentro duns versos que deron de si para un fermoso himno— non figuren nalgures na súa honra como epitafios póstumos.

No marbre que garda a derradeira morada do corpo de Daniel Cortezón no cemiterio de Ribadeo dende o outono do 2009, un sinxelo deseño de Beatriz Mohedanoun libro aberto á par desas dúas máscaras que eternamente rin e choran— lembra a quen visite ese lugar de paz que alí permanecen para a eternidade os restos dalguén que moito tivo que ver coa creación literaria: narrativa, ensaio e máis sinaladamente coa escrita dun amplo abano de obras concibidas para seren representadas na escea do teatro.

Prisciliano, Xelmirez ou a gloria de Compostela, Castelao ou a paixón por Galicia… non sería doado nin procedente, por cuestión de espazo, nomear aquí cantas por mor da fantasía e do rigor histórico viron a luz ao través da pluma de Daniel.

en outubro cúmprese o décimo cabodano de daniel cortezón, que contribuíu a poñer ribadeo no mapa da literatura

INICIATIVAS LOUVABLES

Pola contra, o único marbre que garda a tomba de Suso Peña é a escuma branca do mar que bica as pedras da Illa Pancha. Naquela auga onde un nutrido grupo dos seus depositamos as súas cinzas nunha ventoeira tarde de febreiro do 2005, deixándoas por toda a eternidade ao amparo das sereas, dos golfiños e das estrelas.

Por iso, coido que cantos estivemos alí a lle dicir adeus ese día e outros moitos que sen estaren o seguen a levar presente na memoria nos gabamos da louvabel iniciativa dun pequeno colectivo cultural chamado Ta en Artespoucos pero eficaces de adicar os seus esforzos a poñeren en valor e divulgar durante o presente ano de 2019 a vasta obra de Suso como debuxante, ilustrador, guionista, fotógrafo… pero por riba de todo como mestre e como amigo.

quenes levamos na memoria a suso peña gabámonos dO ESFORZO divulgativO dun colectivo chamado tá en artes

Unha próxima exposición na oficina de turismo ribadense, outra máis ampla acompañada dunha axenda de actos paralelos para o outono, previsibelmente no CENIMA de Foz así como o seu nomeamento como Fillo Predilecto por parte do Concello de Ribadeo son algunhas das entusiastas iniciativas a levar adiante por parte da xente de Ta en Artes.

Por outra banda, o día 4 de outubro deste ano cúmprese o décimo cabodano do falecemento de Daniel Cortezón.

CORTEZÓN PUXO RIBADEO NO MAPA DA LITERATURA

Agardamos tamén todos e moitos somos quenes levamos a obra de Daniel no sentimento e a súa amizade na memoria, que aquelas institucións ás que corresponda terán presente esta efeméride na súa axenda para honrar como se merece a quen contrubuíu notabelmente a poñer a Ribadeo con letra grosa no mapa da literatura en galego e en castelán.

daniel e suso arranxaban o mundo en paseos. un pregúntase se ONDE ESTEAN darán creto de como van as cousas pola terra

POR SAN ROQUE ATA O CANTÓN

Tiñan por costume Daniel e Suso, como amigos que eran entre eles, pasearen a cotío cada mediodía pola rúa San Roque, ata o Cantón, cando o tempo o permitía.

Un, que ten a honra ter sido testemuña da súa teima de aproveitar o tempo destes paseos para arranxar o mundo desde firmes conviccións case sempre críticas como corresponde a persoas que levaron a honestidade por bandeira pregúntase se darán creto a día de hoxe a como van as cousas pola terra, no suposto de que alcancen a ter unha visión deste planeta desde algún lugar escondido entre as estrelas, nalgunha remota galaxia onde non me cabe dubida seguirán a practicar ese ritual paseo cada mediodía.

Se como sospeito non vai ser doado achar unha resposta a esa pregunta ata que nos reunamos con eles nese punto agochado nalgún recuncho do universo, sigamos ata ese momento disfrutando da obra que nos deixaron e continuemos honrando a súa memoria.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...