Violencia machista e violencia intrafamiliar | Antía Yáñez

Unha rapaza preguntoume en Viveiro se me parecía peor que un home maltratase unha muller que unha muller un home

Manifestación contra a violencia machista. AXM

A semana pasada, nunha visita que fixen ao IES María Sarmiento de Viveiro, unha rapaza preguntoume se me parecía peor que un home maltratase unha muller que unha muller un home. A pregunta asustoume.

Levabamos toda a hora falando da miña novela ‘Senlleiras‘ e do que implica a violencia de xénero, sobre todo do que vén antes do primeiro golpe. Do machismo. De que non todos os machistas son maltratadores, pero si todos os maltratadores son machistas. Dos roles de xénero. Do papel que se nos presupón ás mulleres polo feito de nacermos sen pene. Da igualdade real, que non é a que temos agora.

Respondinlle que o feito de afirmar que ambas violencias son diferentes non significaba
que unha fose mellor que outra. Que igual que o Código Penal tivera unha consideración
especial para o terrorismo de ETA, por ser este tan específico, tamén o debía ter para a
violencia de xénero. Que a violencia machista non era o mesmo que a violencia intrafamiliar, que non caese nesa trampa.

Imaxina, díxenlle eu, un home que maltrata a súa muller, que se cre con dereito porque,
despois de todo, o sexo feminino é inferior e ela perténcelle. Agora, imaxina unha muller que maltrata o seu home. Crerá que ten razóns, as que sexa, pero o motivo nunca será pensar que todos os homes son inferiores a ela.

Vin na súa cara que non estaba moi convencida, así que desta vez fun eu quen lle
formulei a pregunta:

—Imaxina que por fin a sociedade é capaz de educar en igualdade, que o machismo xa
non existe. Nesa situación, cres que ese home xa non maltrataría a súa muller?
—Si —respondeu rapidamente.
—E agora pensa na muller. Eliminando o machismo, deixaría de maltratar o marido?
—Pois… —dubidou un intre— seguramente non.

A pregunta asustoume, abofé, pero moito máis aínda ter que explicar a resposta. Porque ela é unha adolescente, pero non hai máis que acender a tele ou a radio para saber que hai xente adulta que espalla a mentira da violencia machista e a violencia intrafamiliar á mantenta.

Iso si que asusta de verdade.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here