InicioOpiniónOPINIÓN: A miña Isa | Celtia Traviesas Méndez

OPINIÓN: A miña Isa | Celtia Traviesas Méndez

Tawney dicía que a verdadeira linguaxe da esquerda non son os dereitos, senón as obrigas

Publicada o

- Advertisement -

Ela ensinoume a chamala así, dicíame:

-Mira que filloguiñas che fixo a túa Isa. E cos anos funme dando conta do pouco que se pertenceu sempre a si mesma.

Ser é pertencer aos demais”, escribiu Sartre e eu apunteino nun caderno cando era nena, contrariada. Non creo que el tivese experimentado a frase nin unha milésima parte do que o fan tantas mulleres, como a miña Isa, que pasan a vida coidando dos demais.

Vivir é ser parte da comunidade. E esta é unha aprendizaxe que se fai dende moi cedo. Un historiador inglés que escribía de agricultura chamado Tawney dicía que a verdadeira linguaxe da esquerda non son os dereitos, senón as obrigas, os compromisos que estamos dispostas a asumir colectivamente. Eu isto aprendino canda Isa nas longas tempadas que pasei na Pontenova ao seu coidado.

Saudar, escoitar, abrazar e bicar ás persoas maiores era un comentido que levei sempre adiante con grande orgullo. Ese era o meu papel na comunidade, baseado na certeza de que todas as velliñas e velliños do pobo éranme algo.

-Vai aí o tío Luis, dicíame miña Isa. E eu sabía que debía saír da tendiña correndo a saudalo e a darlle dous chuchos. Non era tío meu, pero era vello; e chegar á vellez significaba, de entrada, adquirir un dereito consitudinario ao noso agarimo. O dos pícaros e as pícaras. Era todo canto podiamos dar.

Recordo tamén ir saudar a Matías e a Engracia, que me parecían tan elegantes, xente de dereitas que, malia todo, se portara moi ben coa nosa familia. Unha familia de rojos atravesada pola dor da morte, o cárcere, os campos de concentración e os exilios. Matías sempre me devolvía cinco pesos e un sorriso.

Á miña Isa non lle gustaba falar de política. A min si, xa de nena. Pero agora que medrei dabondo, doume conta de que o esencial da política ensinoumo ela. Todo o que veu despois vale ben pouco.

E así fun medrando, e a vida foise complicando, como se complica sempre a vida. E non puiden devolverlle canto quixera todo o que ela me deu. Desexaba non darnos traballo ao envellecer, pois sabía ben o duro que é. E morreu así, sen dalo. Pero eu quedei ao pé dun abismo.

Disto hai xa dous anos. A Pontenova, o meu pobo, ese singular lugar no mundo que conforma a miña identidade, é agora un lugar moi diferente para min, un pouco más gris, máis soíño. Non obstante, tento seguir facendo o que ela me ensinou: voltar, sentirme parte -viva onde viva-; ir sempre que poda aos enterros e ás festas; falar coa xente, rir canda ela, saudar aos vellos e ás vellas, darlles bicos e abrazos e non esquencer xamais de quen vén sendo cada quen. E, sobre todo, de quen veño sendo eu.

E iso é o que tento transmitirlle ás miñas fillas, fronte aos dictados do radical individualismo co que nos empuxan a vivir e a educar hoxe en día.

Grazas Isa. Tamén por ensinarme coa túa morte que é mellor vivir sen deixar abismos. Bótote tanto de menos, miña velliña.

(A Isabel de Miguel, da Pontenova)

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...