Carmen Cruzado, xornalista
A estas alturas é case para celebrar que, dous anos despois da chegada do covid ás nosas vidas, podamos saír á rúa sen máscara. É unha alegría sentir o frío do inverno e o sol na cara, respirar aire puro e poder dicirlle adeus a esa sensación de afogo e fatiga que moitas veces nos ocasionou esa compañeira de viaxe.
Oxalá máis cedo que tarde poidamos desprendernos por completo das máscaras. De momento toca seguir convivindo con elas en diferentes escenarios, dependendo do que as autoridades sanitarias vaian indicando.
De todos os xeitos dá a sensación de que moi aos poucos imos volvendo á normalidade. Se hai dous anos nos din todo o que tivemos que pasar, que sufrir, que aprender… até chegar ao día de hoxe non dariamos crédito e non seriamos capaces de afrontalo.
Oxalá en breve podamos abrazarnos e gozar como o fixemos sempre ata que a mediados de marzo de 2020 o mundo e as nosas vidas deron unha volta inesperada.
É unha alegría que o sector máis castigado por esta pandemia, a hostalería, poida volver traballar con normalidade, sen límites horarios e que os seus clientes podamos acompañalos de novo sen ningún pero. Aínda quedan bailando o certificado covid ou o número de comensais máximo en interior e en exterior. Todo pasará.
Bendita normalidade, canto te botabamos de menos!