A Policía Local de Ribadeo dispón dun etilómetro que facilitará a tramitación das denuncias por alcolemia. O novo aparello mellora os medios do corpo de seguridade que ata agora só contaba cun alcolímetro.
A diferenza entre os dous aparellos radica na precisión coa que miden a concentración de alcol no aire espirado pero tamén no valor probatorio dos resultados.
Ademais de reducir de erro na medición, o etilómetro permite que os axentes impriman o resultado das probas, obtendo un documento válido de cara a unha actuación xudicial.
Neste aspecto incidiu o alcalde ribadense, Fernando Suárez Barcia, ao dar conta da nova adquisición por parte do Concello.
“Queremos que sempre dean valores negativos, porque queremos que a xente cando conduza non beba, pero en todo caso deben saber, os que así o fagan, que a Policía Local terá un etilómetro de última xeración”, comentou.
“MEDIOS PROPIOS”
O etilómetro fora demandado polo corpo policial nunha Xunta Local de Seguridade na que participaron a Subdelegación de Goberno e o Concello de Ribadeo.
Suárez Barcia explicou que o goberno municipal cumpriu un “compromiso adquirido” e subliñou a conveniencia de dispoñer de “medios propios para non ter que depender en circunstancias complexas doutros que puideran ser cedidos”
O rexedor ribadense sinalou que o aparello custou “uns 7.000 euros”.