O Concello de Ribadeo ven de licitar obras nas pistas e camiños das parroquias por un total de 575.000 euros.
As obras previstas afectan ás once freguesías rurais do municipio e inclúense en dous proxectos. O primeiro relativo aos accesos das entidades do interior, Cedofeita, Arante, Covela, Couxela e Santalla de Vilaosende. O investimento será de 294.000 euros financiado con fondos propios do concello.
Doutro lado, sácanse a concurso público traballos nas parroquias costeiras, Rinlo, Vilaframil, A Devesa, Piñeira, Vilaselán e Ove, aos que se destinan 281.000 euros, procedentes de fondos municipais e da Deputación de Lugo.
As actuacións centraranse na mellora do firme con aglomerado asfáltico e no pintado das beiras “para mellorar a seguridade en momentos de pouca visibilidade”.
OBRAS NO VERÁN
Os pregos publicáronse na Plataforma de Contratos do Estado e na Plataforma de Licitación Electrónica do Concello de Ribadeo. As empresas interesadas en presentar as súas ofertas dispoñen de 20 días para facelo. O prazo de execución das obras será de tres meses.
O alcalde, Fernando Suárez Barcia, argumentou a oportunidade da licitación. “Foi agora cando superamos a complexidade da redacción dos proxectos e a súa tramitación administrativa, e queremos que queden adxudicados para que, pase o que pase nas eleccións, poidan ser unha realidade neste mesmo verán”.
O rexedor subliñou que se trata “dunha das licitacións conxuntas máis importantes que se leva feito na historia do concello”.