EFE. A sección 17 da Audiencia Provincial de Madrid suspendeu este luns o xuízo previsto contra Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como o ‘pequeno Nicolás’, ao que se lle acusa dunha ristra de delitos por simular presuntamente ser unha ligazón da Casa Real nunha viaxe a Ribadeo para enganar a un empresario.
O xuízo foi adiado sen data concreta xa que a letrada principal do acusado renunciou recentemente á súa defensa por “presións indirectas” que “poñen en perigo o correcto exercicio do dereito á defensa”.
Gómez Iglesias enfróntase a sete anos de prisión e unha multa de 81.000 euros por delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade documental e suborno pasivo.
ENCONTRO NA VILA RIBADENSE
A principios do mes de agosto de 2014, segundo se desprende do escrito de acusación, Gómez Iglesias propuxo organizar unha reunión a un empresario –Jorge Cosmen– ao que lle fixo crer que actuaba en calidade funcionario público como unha ligazón entre a Vicepresidencia do Goberno e a Casa Real. O 13 de agosto ambos mantiveron un xantar nun restaurante ribadense ao que, segundo o acusado, “asistiría unha persoa moi importante da Casa Real”.
DOUS POLICÍAS, PRESUNTOS CÓMPLICES
Os policías Jorge González Hormigos e Carlos Pérez López-Dávila, a quen supostamente o pequeno Nicolás gratificou por axudarlles a acometer o plan, acompañárono na viaxe. A Fiscalía solicita para eles catro anos e 18 meses de prisión e unha multa de 4.500 euros polos delitos de usurpación de funcións públicas.
O mozo alquilou catro vehículos de alta gama cos seus condutores e falsificou dúas acreditacións do Ministerio do Interior.
A comitiva partiu da rúa Montalbán madrileña. Segundo a Fiscalía, durante unha parada, os dous axentes acusados dixéronlles aos condutores que estaban en viaxe oficial, exhibiron as armas regulamentarias, repartiron os ‘pinganillos’ e colocaron nos turismos as luminarias e acreditacións oficiais do Ministerio do Interior. En Ribadeo foi recibido polo alcalde, o nacionalista Fernando Suárez Barcia.
Podes ler a nova completa no Galicia Confidencial.