InicioPolítica"Foron doce anos de goberno nacionalista, faltan ideas e frescura. Toca un...

“Foron doce anos de goberno nacionalista, faltan ideas e frescura. Toca un cambio”

A socialista Marta Rey, candidata á alcaldía de Ribadeo, expón as propostas do programa electoral co que concorre ás eleccións do vindeiro domingo

Publicada o

- Advertisement -

Con 24 anos, Marta Rey, candidata do PSdeG-PSOE de Ribadeo, será a alcaldable socialista máis nova de Galicia. Nova tamén na política municipal afronta os últimos días de campaña, expoñendo “porta a porta” o programa co que se presenta as eleccións do vindeiro domingo.

P. Que te levou a entrar en política municipal?

R. Sempre estiven ligada a movementos asociativos e a entidades deportivas, e tamén tiven sempre inquedanzas políticas. O secretario xeral propúxome enrolarme na candidatura e animeime a dalo paso. Creo que Ribadeo necesita melloras, e que podo contribuír a logralas. No persoal, acabo de rematar a carreira e pareceume que era o momento idóneo.

Como cres que valora o electorado a túa xuventude?

Ao principio chocaba bastante. Non é habitual ver a unha persoa tan nova como candidata á alcaldía, e iso que temos un referente moi próximo, Mayra García, de Trabada. Aínda que poida sorprender, en xeral a percepción é boa. Hai moita xente con gañas de cambio que cre que a xuventude é o futuro e que somos nos quen temos que dar o paso.

Fálase de desafección á política entre a mocidade, é así na túa contorna?

Hai de todo. Non me atrevería a dar porcentaxes pero si que é certo que hai xente nova moi alonxada da política, á que non lle interesa nada, que non foi votar nin irá. O problema é que non estamos educados politicamente, non nos inculcan que a política é algo importante que nos inflúe a todos ao largo da vida.

“Hai xente nova que non foi nin irá votar. Non estamos educados políticamente. Deberíannos ensinar desde pequenas o importante que é a política nas nosas vidas”

Que poden facer os partidos políticos por achegarse a esa mocidade?

Non creo que sexa unha responsabilidade dos partidos políticos. É un asunto que se ten que abordar desde a educación. Deberíannos ensinar desde pequenos que a política é importante. Concienciarnos de que temos unha capacidade para decidir que debemos aproveitar. Moita xente non é plenamente consciente diso.

Vimos dunhas eleccións xerais nas que o PSOE gañou a nivel estatal e tamén incrementou notablemente os seus apoios a nivel local –do 20 ao 32 por cento-, como valorades estes resultados con vista ás municipais?

Desde logo foron uns resultados moi positivos, había trinta anos que non eramos o partido máis votado. Pero somos realistas, sabemos que a política municipal é máis personalista. Moitas veces inflúe máis o candidato que o partido. Eses resultados dannos un impulso, son un reforzo, pero non son trasladables. Somos conscientes diso.

“Os resultados das xerais foron moi positivos pero somos realistas, sabemos que a política municipal é máis personalista”

Falabas do factor persoal nas eleccións locais. Nese sentido, Fernando Súarez Barcia é un caso paradigmático.

Está claro que Fernando é unha marca propia. Un candidato con moito arraigo, incluso á marxe do partido. Pero foron doce anos de goberno nacionalista. Hai un desgaste, faltan ideas e frescura. Cremos que xa toca cambio.

Cales son as vosas expectativas en canto a resultados?

Gañar. Eu quero ser alcaldesa. Aspiramos a iso. Non pensamos agora noutros escenarios.

Pero, a priori, sumar edís custará máis que na pasada lexislatura: elíxense catro edís menos e hai seis opcións de voto. Como cres que vos afectará este escenario?

É certo que con máis candidaturas o voto pode estar máis dividido, e isto favorece a unha posible opción máis votada. É un escenario co que contamos e que non varía a intención coa que partimos: gañar.

“Estamos constantemente con suciedade nas rúas. É urxente mellorar o sistema de limpeza e de recollida do lixo”

Cal é o teu diagnóstico sobre a situación do concello?

Hai moitas deficiencias que hai que abordar. Faltan aparcadoiros e creo que é necesaria unha reordenación do tráfico. Tamén é urxente mellorar o sistema de recollida de lixo e a limpeza das rúas. Estamos constantemente con suciedade nas rúas. Temos un polígono industrial practicamente baleiro, no que non se establecen empresas.

Nós imos intentar negociar co SEPES para reducir o prezo das parcelas. Tamén é unha materia pendente a desestacionalización do turismo. Non se está aproveitando a posibilidade que nos brinda o Camiño Norte. Somos a porta de entrada a Galicia e non o estamos potenciando.

Que medidas adoptaría un goberno socialista para desestacionalizar o turismo?

Temos varias propostas. Hai que deseñar unha oferta que traia visitantes todo ao ano. Traer turismo de cruceiros de expedición, turismo de congresos e crear rutas de sendeirismo, que teñen dúas vertentes, porque potencian a zona rural turisticamente e ao tempo fana máis segura, evitando que a xente vaia camiñando pola estrada.

Tamén cremos que hai que internacionalizar a oferta. O turista europeo e ruso ten un gran poder adquisitivo. Son os que máis diñeiro poden deixar aquí.

Tamén facías fincapé no relativo á recollida do lixo e á limpeza.

Habería que mellorar o sistema e facer unha recollida selectiva para a hostelería e o comercio. Tamén instalaremos colectores subterráneos e bocas de rego que faciliten a limpeza das rúas.

Contemplades algunha proposta en canto á rede de abastecemento de auga?

Si, a nivel de infraestruturas, proxectamos e mellorar a rede de traída de auga. Periodicamente hai queixas dos veciños polo mal olor e o aspecto turbio da auga. Son problemas provocados por unha rede moi vella, que necesitaría un investimento moi grande. Cun goberno central socialista e se o PSdeG segue gobernando a Deputación, temos a oportunidade de conseguir fondos para facer esas melloras.

“A peonalización das rúas suprimiu moitas prazas de aparcamento. Proxectamos construír un aparcadoiro público subterráneo como alternativa”

Referíaste ao aparcamento, cal é a problemática que detectades?

A peonalización das rúas, coa que estou dacordo, humanizou e mellorou Ribadeo pero tamén suprimiu moitas prazas de aparcamento e non se ofreceron alternativas. Nos queremos construír un aparcadoiro público subterráneo na vila, na ubicación que determine o PXOM, e tamén habilitar unha zona para aparcar en Rinlo. Desde fai moitos anos o turismo medrou moito e os veciños queixanse de que os vehículos lles impiden o paso ás súas propias casas.

Cales son as demandas no resto das parroquias do rural?

No rural, o que máis preocupa á xente e o que levamos no noso programa, son o saneamento, porque moitas da parroquia non o teñen, o asfaltado de pistas e camiños públicos e a limpeza das cunetas.

“A xuventude marcha a outras vilas a desfrutar do tempo de ocio. Queremos recuperar e dinamizar a noite ribadense para que queden aquí”

Ao inicio falamos da xuventude, que propostas formulades nesta materia

Un problema dos problemas que temos é que a xuventude non se queda a disfrutar do seu tempo de ocio en Ribadeo. Vaise a outros sitios como Mondoñedo ou a Foz, que organizan máis actividades nocturnas.

Imos recuperar e dinamizar a noite ribadense, cun programa que se chamar “Noites activas” que incluirá actividades culturais, non so festa. Tamén queremos potenciar os festivais musicais e recuperar as actuacións da Orquestra Sinfónica de Galicia, que se programaban hai anos por medio dun convenio.

Debullamos algunhas medidas do voso programa electoral, pero cal sería a primeira acción desde o goberno?

Unha prioridade debería ser mellorar as relacións con outras institucións, coa Xunta de Galicia. E potenciar a colaboración co resto dos concellos da comarca, que non se está facendo. Se a Mariña lle vai ben, a Ribadeo vaille ir mellor. ´

“Unha prioridade será mellorar a relación con outras institucións e potenciar a colaboración con outros concellos da comarca, que non se fai”

A quen responsabilizas desa “mala relación”?

Creo que é unha responsabilidade compartida, aínda que a Xunta non é obxectiva con Ribadeo. A Deputación, co Plan Único reparte o diñeiro de forma obxectiva, en función da poboación, da extensión. A Xunta non segue uns criterios definidos e prexudica aos gobernos que non só da súa cor política. Pero ao final os que saen perdendo non son nin o alcalde, nin os políticos, se non os veciños.

En canto á relación co resto dos concellos, que botas de menos?

Diálogo e máis accións comúns. A nivel turístico, por exemplo, poderíase facer unha promoción e un traballo conxunto con respecto á ruta do antigo ferrocarril entre Ribadeo e a Pontenova ou ao Camiño Norte, que implica tamén a outros concellos.

No mitín central da campaña, o pasado domingo, subliñabas o “realismo” do voso programa, en contraposición con obras “faraónicas”, a que te referías?

As medidas que inclúe o noso programa son propostas que ao largo dos catro anos poden implementarse. Outros partidos levan grandes obras, grandes investimentos, sobre as que caben dúbidas. Se ata agora non houbo a colaboración que se precisa para realizalas, porque tería que habela agora? Atopamos moita xente desilusionada porque entende que se prometen cousas que logo non se cumpren. Que se vende fume. Iso prexudica a percepción da política.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...