O Concello de Ribadeo nega que renunciase ás axudas do Fondo de Compensación Ambiental

O alcalde acusa ao Goberno galego de "enganar á opinión pública" tras afirmar Balseiro que o executivo municipal "desistiu da solicitude" da subvención

Entrega de diplomas do obradoiro de emprego Doc-Tic de Ribadeo, con Balseiro e Suárez Barcia. AXM

O delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e o alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez Barcia, polemizaron este mércores tralas das críticas do rexedor ao quedar fóra o municipio, por cuarta vez en cinco anos, das axudas do Fondo de Compensación Ambiental.

Balseiro asegura que “foi o propio alcalde” o que “renunciou expresamente” a “esta subvención”.

O delegado territorial da Xunta expón que o 22 de xaneiro, o Concello de Ribadeo solicitou do Goberno galego unha subvención de 40.000 euros para a renovación do pavimento da rúa Pintor Fierros, unha axuda á que renunciou nove días despois, o 31.

Así, Balseiro afirma que o goberno local, nun escrito asinado polo alcalde, “desistiu da solicitude de axuda que nun primeiro momento formulou con cargo á orde de mellora das infraestruturas públicas, e por iso este municipio non aparece entre os beneficiarios das axudas –de 3,8 millóns de euros para 56 municipios– que veñen de facerse públicas en días pasados”.

Así, Balseiro resalta que “hai quen pensa que todo vale contra os que o propio alcalde cualifica como adversarios políticos, pero o que non se pode é criticar e facelo sen fundamento”.

“CONFUNDEN O TOUCIÑO E A VELOCIDADE”

Pola súa banda, Suárez Barcia responde que a Xunta “está a confundir o touciño coa velocidade” para “enganar á opinión pública” e evitar “falar do Fondo de Compensación Ambiental”.

O alcalde precisa que o Concello cancelou meses atrás a solicitude para unha axuda da Xunta de infraestruturas vinculadas a servizos municipais, coa que pensaba financiar a obra de Pintor Fierros. “Renunciamos á petición inmediatamente para presentala a outra convocatoria, tamén da Xunta, que aos técnicos lles parecía máis aconsellable, e que aínda está por resolver”, sinala.

Suárez Barcia indica que, por outra banda, solicitou unha partida para mellorar un dos tres filtros da estación depuradora de auga potable do río Eo, á altura do concello de Trabada, que ten que ver co Fondo de Compensación Ambiental e que lle foi denegada.

Trátase, concreta Suárez Barcia, “do principal abastecemento para Ribadeo. Levamos tempo solicitando e demandando motivadamente accións importantes para esta acometida de auga”, lamenta.

A OBRA EXECUTARASE “CON OU SEN AXUDAS”

O rexedor ribadense engade que “solicitaremos, como tivemos que facer en ocasións anteriores, acceso a este expediente para ver se todos os afortunados destas axudas tiñan proxectos tan elaborados como o noso. En todo caso a obra habémola facer igual coa súa axuda ou sen ela”, conclúe.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here