EFE. O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, prestará finalmente declaración o próximo 17 de xuño como investigado por un suposto delito de “prevaricación administrativa” no Xulgado número 2 de Mondoñedo, como consecuencia da denuncia interposta por un particular en relación cunhas obras de saneamento nun núcleo rural da Pontenova.
Campos fora citado inicialmente para prestar declaración o vindeiro día 12 de xuño en calidade de alcalde da Pontenova e, de feito, nesta mesma causa tamén comparecerá ante o xuíz como investigado o secretario municipal dese concello lucense, pero as súas comparecencias foron aprazadas, a petición propia, ata o 17 do mesmo mes.
AVALADO POR “INFORMES TÉCNICOS”
Fontes do goberno provincial indicaron que o presidente atópase “absolutamente tranquilo” en relación con este asunto, porque a súa decisión como alcalde “está respaldada polos correspondentes informes técnicos”.
Desde a Deputación sosteñen que se trata dun caso que carece “de percorrido”, porque a denuncia foi presentada por un particular, o controvertido empresario Eloy Castro, que está en desacordo cunha decisión do goberno local amparada polo informe desfavorable da arquitecta municipal.