A residencia de Ribadeo recibiu os oito primeiros usuarios. O centro de maiores abriu este venres as súas portas, materializando o convenio asinado entre a Deputación de Lugo e o Concello. Trátase do terceiro centro inagurado baixo este modelo de colaboración entre a entidade provincial e mailos municipios, despois dos de Trabada e Pol.
PERFIL DOS USUARIOS
Os primeiros residentes son oito ribadenses, seis mulleres e dous homes, entre os 72 e 92 anos que destinan á súa praza unha media de 851 euros. As tarifas oscilan entre os 141 euros e os 1.338 euros, en función da renda establécese en función da renda de cada quen.
Nas vindeiras semanas, paulatinamente, incorporaranse ao centro o resto das persoas cos expedientes de acceso aprobados por unha comisión de valoración formada por técnicos do concello e da Deputación, 28 polo de agora.
Os oito primeiros residentes, veciños de Ribadeo, pagan entre 141 e 1338 euros en función da súa renda
O centro abre con catorce traballadoras e traballadores: a directora, unha administrativa, unha traballadora social e unha enfermeira – contratatas pola Deputación- e dez empregados da empresa Clece, que prestará os servizos de asistencia básica, manutención e limpeza. O persoal incrementarase coa entrada de novos beneficiarios.
“FROITO DO MELLOR DA POLÍTICA”
No acto participaron o alcalde en funcións de Ribadeo, Fernando Suárez Barcia e a Deputada de Economía e Facenda en funcións, Mayra García Bermúdez, así como representantes da Plataforma en Defensa da Residencia e veciños e veciñas interesados en coñecer as instalacións.
O rexedor, que renovará mandato este sábado, afirmou que este venres é “un gran día” no que, dixo, “cumprimos o que prometemos”. Subliñou que a apertura da residencia é froito “do mellor da política” e “dun fito histórico na colaboración entre administracións”. “Poucas cousas foron tan estudadas, traballadas e consensuadas coma esta”, resumiu.
Suárez Barcia sinalou que a apertura da residencia marca “un fito histórico na colaboración entre administracións”
Suárez Barcia lembrou a mobilización social que acompañou os primeiros trámites para a construción do centro, en 2012, cando a Xunta renunciou a financialo, e agradeceu o traballo dos técnicos tanto da Deputación como do concello.
Ademais, convidou aos usuarios a desfrutar dos servizos que ofrece e a “vivir o máis parecido a como o viñan facendo”.
“MOMENTO HISTÓRICO”
García Bermúdez felicitouse pola inauguración da residencia despois dos “atrancos que viviu o proxecto”. A deputada en funcións refiriuse á apertura como un “momento histórico”.
“Respondemos ás demandas dos concellos e dos veciños, e sobre todo devolvemos a débeda que temos cos nosos maiores, ofrecéndolles unhas instalacións no seu entorno e asequibles”, concluíu a política trabadense.
ABERTO O PRAZO DE SOLICITUDES
O prazo de solicitudes para acceder á residencia de Ribadeo continúa aberto. Segundo se establece nos convenios marco acordados entre o Concello e a Deputación, os ribadenses teñen prioridade de acceso ás prazas. En segundo termo, a preferencia é para os veciños da bisbarra e, despois, para os da provincia.
A comisión de valoración das solicitudes avalía as necesidades e situación de cada maior para establecer o prezo en función da súa capacidade económica de forma que os usuarios sempre conten cun 25% dos seus ingresos libres para o seu día a día. A residencia conta con 47 prazas.