O Concello e Acisa fan un “balance moi positivo” da sexta edición do Ribadeo Indiano que, aseguran, “todos os rexistros do ano pasado” cando se estimara unha afluencia de 50.000 persoas.
Os organizadores subliñaron o impacto do concerto do grupo Compay Segundo, que alargou os festexos ata o pasado domingo á noite. Segundo as súas estimacións, os músicos cubanos reuniron unhas 12.000 persoas na rúa de San Roque.
Trala actuación, celebrouse o sorteo dunha viaxe a Cuba para o que se repartiran preto de 200.000 boletos nos 130 establecementos comerciais adheridos a campaña. José Penzol Díaz foi o agraciado co premio.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Turismo e Comercio, Pablo Vizoso, explicou que “a gran afluencia de visitantes” empezou a notarse “o venres no entorno do peirao de Porcillán” onde comezaron os festexos cunha representación teatral e actuacións musicais, e que se mantivo durante a fin de semana salvando incluso a choiva que caeu na tarde do sábado.
O edil, que se estreaba no cargo, remarcou a variedade de “eventos e actividades” programadas ao longo “dos tres días”, “repartidas” e “para todos os públicos”.
OCUPACIÓN HOTELEIRA
Aínda que o Concello e Acisa se reunirán ao longo desta semana para avaliar a repercusión dos festexos na economía local, o presidente dos comerciantes, Francisco Iriarte, anticipou que “os hoteis de Ribadeo estiveron practicamente cheos e nos restaurantes era imposible reservar nada”.
POXA BENÉFICA
Unha das novidades desta edición foi o Certame Benéfico de Pintura ao Aire Libre, organizado para recadar fondos destinados ao Hospital Hijas de Galicia de la Habana, que afectado por un tornado o pasado mes de xaneiro.
Na poxa das obras, celebrado o pasado domingo, obtivéronse 800 euros pola venda de catro cadros, un deles cedido polo artista asturiano Toni Noguera.
O resto das pinturas estarán expostas durante esta semana na Oficina de Turismo, onde as persoas interesadas poden adquirilas polo prezo de saída na subasta.
AGRADECEMENTOS
Tanto desde o Concello como desde Acisa puxeron o acento na colaboración que atoparon por parte de comerciantes, asociacións culturais e deportivas e mais veciñanza. “Sen toda esa axuda o Ribadeo Indiano non sería posible”, concluíron.