O Concello de Barreiros participará nos vindeiros días por primeira vez na campaña ‘En Negro Contra As Violencias‘, que se desenvolverá conxuntamente en máis dun centenar de municipios e cunhas 6.500 entidades colaboradoras.
A campaña pretende crear espazos libres de violencias machistas e dar maior visibilidade a un problema público e de toda a cidadanía.
Dende a concellería de igualdade do Concello de Barreiros explican que se contactou cuns 100 establecementos. “Enviamos unha carta a todos os negocios de hostalería e oficinas informando da actual situación, xa que só en España, dende o 2003 (ano en que se empezan a recoller cifras oficialmente), e ata o 10 de xuño de 2019, foron asasinadas 1.000 mulleres, só neste 2019 xa foron asasinadas 51”, segundo informa a concelleira Montse Porteiro.
CENTROS EDUCATIVOS
“Puxémonos tamén en contacto cos dous colexios de infantil e primaria que temos no municipio para involucrar aos máis pequenos nestes actos posto que eles son o futuro que marcará este grave problema”, agrega Porteiro.
INSCRICIÓNS
Para participar na campaña, que durará dende o 18 ó 25 de novembro, e consiste en vestir os establecementos de negro, basta con chamar ao número de teléfono 982.12.40.02 ou enviar un correo electrónico a registro@concellodebarreiros.com, cos datos do establecemento (nome e enderezo) e da persoa de referencia (nome e teléfono), antes do 12 de novembro.