Este ano foi só a estrea, pero é unha festividade que chegou para ficar. Trabada apostará por darlle continuidade á Festa da Enfariñada, celebrada o pasado 6 de maio, tralo “éxito da primeira edición”, segundo apuntou a alcaldesa, a socialista Mayra García Bermúdez.
A rexedora explicou que a importante afluencia do público “superou as expectativas” da organización, e anticipou a intención de “consolidar a cita como a festa gastronómica” que identifique ao municipio trabadense.
as mulleres da asociación marco da pena cociñaron as 300 cuncas servidas, que ficaron escasas
Segundo afirmou a lideresa do goberno local, as 300 cuncas que a organización adquiriu para a ocasión quedaron escasas para atender a todos os veciños e visitantes que se achegaron para degustar a enfariñada.
As mulleres da asociación Marco da Pena foron as encargadas de preparar este prato, unha singularidade culinaria do concello mariñao. As cociñeiras fíxerono seguindo a receita tradicional, que recomenda os seguintes ingredientes: fariña de trigo, leite, ovos, torreznos e sal. A masa cocíñase despois na tixola, onde se traballa e desfai en pequenos anacos ou “faragullos”, nome co que se coñece este manxar noutros municipios da zona, como Riotorto e A Pontenova.
ARTESANÍA E MÚSICA COMPLETARON O PROGRAMA
A alcaldesa trabadense resaltou que a xornada ofreceu, ademais do atractivo culinario, un programa completo de festa. “Os visitantes quedaron coa satisfación non só de probar a enfariñada, senón tamén de disfrutar da axenda cultural que propuxemos”, subliñou a rexedora. Os asistentes poideron desfrutar de boa música, coa actuación da formación tradicional Son de Lugh e co concerto ‘Camiño do fado’ de Iria Estévez e Gonzo Piña.
Ademais, houbo postos de venda de artesanía e un obradoiro de cestería que fixo as delicias dos máis pequenos durante a xornada matinal.
Coa festa de exaltación da enfariñada, Trabada engade unha nova cita aos máis de 300 eventos gastronómicos que se celebran cada ano en Galicia. É unha das máis novas, pero tamén das máis singulares.