Taramundi rexistrou este mércores o récord de chuvias no Estado, con Castropol e Ribadeo por detrás

O Occidente de Asturias e A Mariña Oriental foron as comarcas máis castigadas polas precipitacións nunha xornada de alerta laranxa

Casco histórico de Ribadeo. AXM

EFE. A localidade asturiana de Taramundi, situada no extremo suroccidental do Principado, liderou este mércores as precipitacións acumuladas durante a xornada en España tras rexistrarse 104,6 litros por metro cadrado ao longo do día. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), tras Taramundi situouse a localidade de Castropol, na costa occidental asturiana, con 96,6 litros por metro cadrado por diante da Coruña, con 69,6; Ferrol, con 68,6, e Ribadeo, con 66.

A de hoxe foi a segunda xornada consecutiva na que Asturias rexistrou tormentas en numerosos puntos da rexión que onte deixaron un rexistro máximo de 30,8 litros por metro cadrado en Ibias; 22,6 en Leitariegos e 21,8 en Oviedo, lonxe dos 57,6 de Córdoba, dos 54,2 de Abia da Obispalia (Cuenca) e os 52,7 do Alto do León, en Madrid. Na xornada do mércores Galicia, Asturias e Cataluña atopábanse en nivel laranxa de alertas por tormentas e choivas mentres que Aragón, Castela e León, Navarra, A Rioxa, Comunidade Valenciana, País Vasco e Cantabria estaban en nivel amarelo.

INCIDENCIAS

As chuvias deixaron ao longo da última xornada numerosas incidencias ao longo da xeografía da Mariña Lucense, como rebordamento do río Centiño en Foz ou o corte do tráfico na estrada das praias de Barreiros.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here