A rotura dunha tubaxe de fibrocemento que partiu polo medio na zona de Remior deixou onte sen abastecemento de auga durante case todo o día aos veciños desta parroquia de Barreiros e tamén aos habitantes de San Cosme. Na primeira das fegresías, onde abundan as ganderías, os bombeiros tiveron que levar auga ás explotacións.
A rotura da tubaxe baleirou o depósito de auga de Merille e os veciños ficaron sen suministro desde o mediodía ata as 2.30 da madrugada, intre no que se restableceu por completo o servizo.
FOSA
Segundo explica o alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente Parga, a “profundidade” á que vai a traída nese tramo e o feito de que “pasa polo medio dunha estrada provincial” dificultaron as obras de reparación, que requeriron da “apertura dunha gran fosa“. A estrada fica cortada.
O Concello tentou solventar as dificultades das ganderías de Remior coa motobomba municipal e coa petición de axuda aos bombeiros de Barreiros, que levaron auga ao gando das explotacións.
PROBLEMAS NA ZONA
Trátase da segunda avaría na traída que se produce na mesma zona do concello de Barreiros nos últimos meses. A anterior produciuse o 17 de agosto, cando houbo unha fuga nunha tubaxe.
OBRA DE EMERXENCIA
O goberno local cre que a tubaxe puido romper polo peso do solo propia estrada e anunciou unha obra de emerxencia para levar a traída pola cuneta, que espera poder iniciar a semana que vén.
Ademais, no treito da traída que vai desde a parte de abaixo de Remior ao cruce para ir ás praias, o Concello substituirá os conductos de fibrocemento por outros de materiais máis modernos.