O proceso selectivo polo que a muller do alcalde de Riotorto acadou unha praza de administrativa irá ao Hórreo

O PSOE esixe explicacións pois ve "sorprendente" que se presentaran dúas persoas "cando só se pedía a EXB" e que non se publicase a oferta no BOP nin nas redes sociais municipais

Otero, cos concelleiros socialistas ante o consistorio. AXM

A secretaria provincial do PSdeG e deputada autonómica, Patricia Otero, acompañada dos concelleiros socialistas de Riotorto, José García e Francisco Fernández, anunciou este xoves diante do Concello, que reclamará á Xunta de Feijóo, a través dunha iniciativa no Parlamento de Galicia, que “aclare o procedemento do proceso selectivo da contratación dunha praza de administrativa neste concello. Unha convocatoria na que só houbo dúas aspirantes, e conseguiu a praza a muller do alcalde riotortense“, o popular Clemente Iglesias.

Otero explica que “parécenos moi sorprendente que só se presentaran dúas persoas a esta convocatoria, cando os únicos requisitos que se requirían neste proceso era estar en posesión do título de EXB”, entre outros. Ademais sinala que “nunha situación excepcional como a que estamos a vivir, non é comprensible que para unha praza destas características non se publicitara nin no BOP nin nas redes sociais do propio Concello”, replica.

“Tal e como aparece nas bases que rexen este proceso selectivo é o propio alcalde quen asina a convocatoria, na que saíu seleccionada á súa propia muller”, advirte García, o voceiro socialista de Riotorto. Así as cousas denuncia que Iglesias “non dixo nin mu para explicar o proceso desta contratación da súa muller no Concello. Por iso pedimos que dende a súa responsabilidade política dea a cara diante dos seus veciños. Todo este procedemento esta cheo dunha falla de ética sen precedentes na historia desta vila”, denunciou.

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN DIFICULTADES PARA ACCEDER Á DOCUMENTACIÓN

O grupo socialista de Riotorto concreta que foi convocado “hoxe, xoves día 5 de novembro, para recoller nas dependencias municipais, parte da copia dos expedientes da contratación das tres prazas”, que se corresponden cunha praza de albanel, outra de xardineiro e unha praza de administrativa, seleccionadas a través do Plan Depuemprego da Deputación.

Os concelleiros puideron acceder a ler ás actas do tribunal, pero “non se lles facilitou copia da mesma, nin tampouco dos exames. A documentación que se lles entregou era un total de 17 folios nos que se incluían as bases da convocatoria, correos entre o tribunal sobre as bases e certificados da publicación no taboleiro dixital do Concello, entre outros”, remarcan desde o partido socialista.

Ademais, o PSdeG engade que “este proceso comezou o 1 de outubro cando o grupo socialista comprobou nas propias dependencias municipais que a muller do alcalde ocupaba unha praza de administrativo no Concello”. O día 5, proseguen os socialistas, os concelleiros “rexistraron un escrito para coñecer o proceso de contratación deste novo posto de traballo. Transcorrido o prazo que marca a lexislación de cinco días naturais para resolver este expediente e ao non ter resposta, volveron rexistrar outra petición, o 27 dese mes, para acceder a este expediente, polo que foron convocados a revisar a documentación hoxe, concretamente 30 días despois de solicitalo“, denuncian.

OTERO PREGUNTA A CANDIA “SE O PP AMPARA ESTE TIPO DE PROCEDEMENTOS”

Otero pregúntalle á responsable do Partido Popular na provincia, Elena Candia, “se ampara este tipo de procedementos selectivos do alcalde de Riotorto”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here