InicioM.ambiente e PatrimonioO xeólogo que avaliou as Catedrais: "estaba cantado, o monumento pode comezar...

O xeólogo que avaliou as Catedrais: “estaba cantado, o monumento pode comezar a desaparecer nun século”

Vidal Romaní insiste en que o desprendemento se produciu pola erosión da chuvia e do mar acelerada pola acción humana: "hai que prohibir que a xente ande por riba dos cantís"

Publicada o

- Advertisement -

Juan Ramón Vidal Romaní é un dos máis prestixiosos investigadores en Xeoloxía de Galicia e tamén un dos maiores expertos na praia das Catedrais, que estudou no 2018 nun informe realizado a petición da Xunta de Galicia. Tralo desprendemento acontecido onte, é unha das voces máis autorizadas para falar sobre o estado do monumento natural.

Sorprendeulle o desprendemento ou era previsible?

Sorprendente non é. Desde o punto de vista xeolóxico estaba cantado, o que non se pode é predecir con exactitude o momento que vai ocorrer, con datas fixas. Falamos de cousas que teñen unha vida xeolóxica, de xeito que si sabiamos que se podía producir algo así. Cando fixemos o informe xa advertimos de que había unha situación crítica, con risco mesmo letal para as persoas.

CAUSAS

Cal é a causa deste suceso?

Aquí hai un problema que por unha parte é natural. A erosión é xustamente o que pasou e ten pasado durante centos de milleiros de anos. Os arcos fixéronse porque rompeu a rocha, así que tarde ou cedo tiña que caer.

“a xente pensa que é efecto do mar, pero temos un cantil cunha pedra vella que leva milleiros de anos erosionada pola chuvia”

Pero por outra banda, a frecuencia coa que a xente camiña por riba do cantil é importante. A xente pensa, dunha forma equivocada, que isto pasou só a causa do mar. Por unha parte si é certo, pero tamén o é que o mar agora recén chegou ao cantil. Hai 3.000 ou 4.000 anos esta zona era bosque, sabémolo porque de cando en vez aparecen as raíces das árbores, temos traballos neste sentido. A chegada do mar aos cantís é, polo tanto, relativamente recente. Os furados, as furnas, foron feitos probablemente entre hai 135.000 e 350.000 anos. O mar alcanza estes niveis, coma os que ten agora, por momentos breves, está a esa altura moi pouco tempo e despois comeza a baixar, que é o que vai pasar.

“ao pisar os cantís milleiros de persoas cada ano, concéntrase o dano nunha zona e acelérase o proceso de deterioro”

Entón temos un cantil cunha pedra que leva moitos milleiros de anos exposta á intemperie e á chuvia, que é un factor fundamental de erosión, e se aínda por riba a xente estáa machacando, acelérase o proceso de destrución do mesmo. Por iso facemos tanto fincapé en que os visitantes non estean por riba. Se queren ver o monumento natural deben facer caso ao prognóstico das mareas ou esperar o que faga falta para baixar.

CAMBIO CLIMÁTICO

Unha asociación ecoloxista, Adega, ligaba o acontecemento co cambio climático, atribuíndo ao mesmo a “aceleración” da destrución do monumento.

Eu non o ligo co cambio climático desde ese punto de vista. O nivel do mar está subindo, iso é certo, pero hai que pensar que se trata dun fenómeno que ocorreu cunha certa periodicidade, ao longo do cuaternario, dos últimos dous millóns de anos. O nivel do mar sube e baixa incesantemente. Agora estamos a piques de alcanzar o máximo, quedarán un ou dous metros, e daquela comezará a baixar. O problema, eu penso, é un cantil feito nunha pedra moi meteorizada, moi vella e moi alterada, e a xente que pisa por riba. Hai que pensar que aínda que o derrubo do cantil vai seguir acontecendo dunha maneira bastante frecuente e que a pedra ía caer igual, sen ningunha dúbida, a acción humana acelera o proceso.

Juan Ramón Vidal Romaní. REAL ACADEMIA GALEGA DAS CIENCIAS

O MAR, ELEMENTO PROTECTOR E DESTRUTOR

Que se pode esperar en diante?

Hai unha cousa que é curiosa, e é que o mar non vai levar a pedra para dentro, senón que vai cubrir a pedra de area, amorear area enriba das rochas caídas. Iso é importante, porque eses pedazos poderían actuar en épocas de temporais aumentando a erosión dos cantís, pero non vai ser así. Mentres haxa area, que iso é outra historia, esas pedras veranse soterradas por area, así que paradoxicamente o mar vai ter tamén un efecto “protector” sobre o monumento natural. Unha das razóns de que As Catedrais aguante tanto é que na base non hai cantos rodados, que a auga soe botar contra a base dos cantís. Esta area protexe a base do cantil, e se un se fixa pode ver nesa zona algúns percebes e mexilóns, que non se asentan en lugares de erosión forte con pedras batendo.

“o mar non vai levar a pedra para dentro, cubrirá as rochas de area. iso será un factor de protección do monumento”

MEDIDAS

Nese informe que mencionaba, prevían que esta parte que caeu era a máis danada, ou hai outras en situación similar?

A situación de todos os arcos é crítica. Hai algún un pouco máis aberto; aquel desde o que se ven o resto, metido un pouco máis cara terra. Pero todos están en risco real de caer. O problema é que quen anda por riba, ademais de poñer en risco aos demais, concentra o dano nun sitio concreto.

“PROPUXEMOS NON DEIXAR PISAR OS CANTÍS E QUE OS VISITANTES LEVARAN CASCO. PERO DÍXOSENOS QUE ISO NON ERA MANEXABLE”

PROPOSTAS

Que medidas propuñan nese documento?

Primeiro, que a xente non poidese andar pola parte alta do cantil, de ningunha maneira, pero menos aínda se había outros visitantes na parte baixa do areal. Tamén que a Xunta obrigara dalgún xeito a que todas as persoas que visitaban o monumento natural levaran casco, da mesma maneira que cando visitas unha canteira. Para eles (o Goberno autonómico) esta proposta supuña dificultades de manexo, pensaban que as persoas ían ser reacias. Eu propuxen que se fixesen elementos de protección bonitos, que a xente incluso os poidese levar para a casa. Claro que, cun desprendemento coma este, un casco serve de pouco, porque de haber xente abaixo morrería toda. Pero outras situacións si que se poderían evitar e facilitaría que as persoas fosen conscientes de a onde viñan. En todo caso, a primeira medida e máis importante é evitar que a xente ande por riba.

“as catedrais é un monumento vivo, e a vida neste caso é o derrubo”

Que medidas se adoptaron desde entón?

Díxosenos que non se podía limitar o acceso á zona, que as propostas eran demasiado restritivas. Puxéronse algúns carteis como advertencia, sinalizouse a zona, pero penso que non se toman as medidas suficientes. Habería que pensar que, se estamos acostumados a que nos multen se nos saltamos as restricións pola Covid-19, de mobilidade, de confinamento, tamén habería que multar a quenes poñen en perigo desta forma a outras persoas. As Administracións son as verdadeiras responsables de esixir á xente que poña casco, que non entre nas covas…

TURISMO

Alertaba de que se ve As Catedrais como un obxecto mercantil, unha galiña dos ovos de ouro.

Claro, cando é un monumento vivo, e a propia vida é o derrubo da pedra. A xente non se decata de que o neno que se baña nunha poza ten enriba unha tonelada de pedra. Unha muller deulle de mamar a un fillo e caeu unha pedra de 30 quilos a uns metros deles, por non falar da desgraza que houbo con aquela moza na Semana Santa.

“AS ADMINISTRACIÓNS SON AS RESPONSABLES de que non se pisen os cantís, porque están en risco o monumento e a xente que hai debaixo”

A xente chega cando hai marea alta, sen facer caso dos prognósticos da marea, e non pode baixar. Entón que fai? Xa que se desprazou moitos quilómetros, quere polo menos ver o monumento desde arriba. Iso é un risco moi grande para os que están debaixo. Foi unha sorte que acontecera no día que non había ninguén. Hai certos sitios, cun paso dun metro, e hai xente tola que facía concursos de saltos dun lugar para outro. Se non pasaron máis desgraza foi cuestión de sorte. Eu teño fotos de xente ao borde do cantil, enriba dun arco, saltando e facendo cousas para quitar unha imaxe espectacular. Iso ademais crea un “efecto chamada”, porque á fin todo o mundo vai ao mesmo sitio para quitar a mesma foto. Son milleiros de persoas ao longo dos anos.

OS “EFECTOS CHAMADA”

Está claro que a Garda Civil non pode estar aí todo o tempo, pero diante desta situación, non se pode chamar á xente a que veña, promocionar o monumento desa maneira. Porque hai outro problema: a falsa sensación de seguridade daqueles sitios nos que hai moita xente, onde tendemos a pensar que non hai risco porque estamos rodeados de decenas doutras persoas. É algo psicolóxico, supoño, que nos dá unha falsa esperanza: existe un verdadeiro risco. O monumento responde a esa propaganda indiscriminada como responde: caendo.

Sería boa idea diversificar a oferta: San Andrés de Teixido, Cabo Ortegal, Vixía Herbeira… Galicia e A Mariña teñen moitos lugares onde a xente pode desfrutar. Iso tamén o propuxemos: abrir o abano para indicir á xente en que pode escoller. Porque, paradoxicamente, este derrubo fará que aínda máis xente vaia ver As Catedrais.

FUTURO

Dase por suposto que As Catedrais terá unha vida curta. Que verán os habitantes desta terra dentro duns centos de anos?

Penso que comezará a desaparecer en pouco menos dun século. Os cantís máis altos, se non anda ninguén por riba deles, poden aguantar un tempo. Estes arcos non son de agora, son de centos de milleiros de anos, e aguantaron, iso quere dicir que a pedra está ben feita. Pero se milleiros de persoas pisan os cantís aceleran ese proceso natural.

ÚLTIMAS

Erika Gomes Mendes: “Fixen un traballo para saber se os caboverdianos coñecían algo de Galicia antes de vir”

-Erika, cando chegaches a Burela desde o teu país? Cheguei a Burela en 2017 e...

‘A Sacabeira’ celebrará o Día de Rosalía o 25 de febreiro en Sargadelos

O vindeiro 25 de febreiro, no Café Bar Cultural A Sacabeira, a ACR Fervenza  de Sargadelos celebra...

Denuncian que o Hospital de Burela queda só cun cardiólogo

A CIG-Saúde da Mariña denuncia que o hospital queda cun só especialista en cardioloxía...

Trabada solicita unha subvención para as cubertas do CEIP Celso Currás

O Concello de Trabada solicitou unha subvención á Xunta de Galicia para a mellora...