O Concello de Trabada anunciou a través dun comunicado de prensa que poñerá en marcha o programa de madrugadores no curso escolar 2021-2022, que funcionará durante todos os días lectivos de 8.00 a 10.00 horas de setembro a xuño.
A finalidade, asegura a rexedora, a socialista Mayra García Bermúdez, é “axudar a que as familias traballadoras poidan conciliar a vida laboral e familiar. Este servizo está pensado para aqueles núcleos familiares que necesitan deixar os seus fillos no colexio antes de que comecen as clases, e co obxectivo de cubrir todas as necesidades dos nenos e nenas, ofrecemos tamén a posibilidade de incluír o almorzo“, concreta.
García Bermúdez enmarca esta medida nun programa no que cita “a posta en marcha do Punto de Atención á Infancia (PAI)” e a iniciativa “LUDISeráns”, impulsada “durante os últimos cursos lectivos, agás este ano pola situación de pandemia que estamos a vivir, no cal os nenos e nenas de tres a doce anos podían realizar actividades extraescolares de 16.00 a 20.00 horas. No verán organizamos o campamento polas mañás e agora sumamos este programa de madrugadores porque cremos fundamental dende as Administracións públicas axudar a conciliar a vida laboral e familiar”, conclúe.