Lea entre o Concello de Ribadeo e a asociación de veciños de Rinlo ‘O Cantal’ a respecto da reforma da escola vella, un dos edificios máis emblemáticos da localidade ribadense. O consistorio municipal vén de responder á AVV cualificando de “infundadas e inxustas” as acusacións vertidas dende a asociación de veciños, que responsabiliza o goberno local de facer perder “unha subvención de 17.000€”.
A problemática tería comezado cando, semanas atrás, a AVV anunciou que conseguira esa subvención da Xunta para reformar a escola. O paso seguinte dos veciños pasou por pedir licencia ao Concello para desenvolver a reforma, unha cuestión que foi recibida con sorpresa por parte do goberno municipal en tanto que estes, apuntan, son os propietarios do inmoble, “polo que non é posible que o Concello se conceda licenza a si mesmo para acometer obras” nel.
A asociación acusou entón ao goberno local de deixar estragar a achega económica da Xunta, circunstancia que o consistorio ve “terxiversada”. O alcalde Fernando Suárez, pola súa banda indicou que en breve o Concello e a Deputación de Lugo asinarán un convenio bilateral para amañar esa instalación, “tal e como estamos a facer con outros inmobles de titularidade municipal polas parroquias”.