Cun total de 25 establecementos asociados, a asociación Hostalería de Barreiros nace co obxectivo de mostrar que o concello ten, ademais das praias, máis atractivos que ofrecer ao visitante. O colectivo aspira a desestacionalizar o turismo e crear “unha marca” para o municipio.
A agrupación conta por agora cunha xunta xestora formada por seis persoas e prevé convocar eleccións en breve para elixir a directiva.
Os hostaleiros abordaron na súa primeira reunión a necesidade de mellorar a sinalización do concello e dos servizos hostaleiros e de promocionar e divulgar as rutas naturais.
CONCURSO
A agrupación de hostaleiros convoca até o 25 de maio o concurso ‘#MarcaBarreiros’, dispoñible no perfil de Facebook do colectivo. Os participantes teñen que achegar un lema que defina o potencial turístico que ten Barreiros durante todo o ano. Os candidatos con máis “gústame” pasarán a unha rolda final, na que o colectivo de hostaleiros elixirá o lema gañador, premiado con 180 euros.