Ribadeo rendeu homenaxe a Víctor Moro cun acto no Teatro, que se encheu de familiares, amigos, veciñas e veciños. Antón Costas Comesaña, Lourenzo Fernández Prieto e Bieito Rubido Ramonde moderados polo alcalde, Fernando Suárez Barcia, destacaron a súa paixón por Galicia e, especialmente, por Ribadeo, así como pola familia e polas súas amizades e tamén a importancia da súa figura no panorama político e económico do país.
Os poñentes subliñaron que Víctor Moro foi o primeiro deputado que pediu a autonomía para Galicia nos tempos da transición e quen desafiou e gañou a proposta para que Galicia debera ser recoñecida na constitución como nacionalidade histórica ao mesmo nivel que Euskadi ou Cataluña.
No eido empresarial aludiron ao seu paso pola dirección económica de Pescanova, que conseguiu aló polos anos 60 e 70 que fose a empresa pesqueira máis importante de Europa. O acto rematou coa proxección dun vídeo resumo dunha entrevista realizada a Víctor Moro, quen fora fillo predilecto de Ribadeo.