Os alcaldes da Pontenova, Trabada e Vegadeo confían en que o vindeiro ano “se tome unha decisión de investimento” na Vía Verde do Eo, un proxecto para acondicionar como senda turística o trazado do antigo ferrocarril mineiro entre Vilaoudriz e Ribadeo.
Os rexedores socialistas Darío Campos, Mayra García e César Álvarez reuníronse este mércores en Madrid co subdirector de Protección de Costas, Ángel Muñoz, para pedir que se retomen as obras dun expediente que leva aparcado desde 2011.
O proxecto prevía un investimento de 4 millóns de euros na recuperación dos trinta e tres quilómetros que percorría o vello tren mineiro polos concellos da Pontenova, Trabada, San Tirso de Abres e Ribadeo, desde onde se exportaba o ferro extraído nas minas de Vilaoudriz.
A ruta, que segue o cauce do río Eo, atravesa zonas de gran valor paisaxístico e medioambiental, ademais de ser testemuña do pasado industrial da zona.
TERREOS
O trazado acondicionouse nos treitos que pasan polos municipios da Pontenova e San Tirso de Abres polo que as futuras intervencións deberían centrarse nos concellos de Trabada e Ribadeo, onde parte do trazado quedou alterado pola construción da N-640.
Os alcaldes manifestaron a súa “dispoñibilidade e vontade” de traballar para adquirir os terreos “se hai un compromiso real de investimentos” por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, que supeditou as actuacións á aprobación dos orzamentos de 2019.
PROXECTO GALAICO-ASTURIANO
Os tres coincidiron en destacar que, mais aló dos municipios polos que pasa a Vía, o proxecto “beneficia aos catorce concellos da Reserva da Biosfera Eo, Oscos e Terras de Burón”.
Nesta liña, amosáronse confiados na forza que adquire a reivindicación ao ser formulada polos tres concellos. “Demos unha imaxe de unidade moi positiva”, concluíron.
ACTUACIÓNS NO BOULLOSO
En relación coa posta en valor do entorno do vello ferrocarril, o alcalde da Pontenova, Darío Campos, confirmou que o concello rehabilitará o forno do Boulloso. Os terreos foron xa adquiridos polo municipio que executará as actuacións con fondos Leader.
PONTE FORNACHO
Ademais de abordar a situación da Vía Verde, o encontro serviu para poñer sobre a mesa a necesidade dunha actuación na Ponte do Fornacho, que une a localidade trabadense de Ría de Abres coa localidade veigueña de Abres.
O rexedor vegadense advertiu das precarias condicións da ponte, que é imprescindible para a comunicación da veciñanza e que nos últimos meses soporta tamén o tránsito de camións que sacan madeira dos montes nos que se realizou recentemente a concentración parcelaria.
RECUPERACIÓN DA MARISMA
Asi mesmo, na reunión pediuse a axilización dos traballos rexeneración da Marisma de Vegadeo, tamén pendentes desde o inicio da década. “É un proxecto que tamén interesa a Costas polo que somos optimistas con respecto á súa execución”, explicou Álvarez.