JUAN MAYA. O rexedor da Pontenova, Darío Campos Conde, criticou este luns a xestión sanitaria na localidade. “Dende fai máis dunha semana só hai un médico para atender aos pacientes da vila. Primeiro suprimiron unha praza de facultativo das tres que había, e agora hai unha baixa e non a cobren”, explicaba Conde.
O alcalde pontenovés critica que os 2.300 habitantes da Pontenova só sexan atendidos por un único médico dos dous que lle corresponden ao municipio. Conde considera que os “visitantes e veciños ven mermados os seus dereitos sanitarios”.
Conde arremeteu contra a xestión do Partido Popular nun momento no que “estamos atravesando unha pandemia tan grave como a da covid-19” e nunhas “datas especiais cando a nosa poboación medra”.
NO 2018 O MUNICIPIO PERDEU UN FACULTATIVO
A actual problemática ten o seu inicio a principios do ano 2018, debido a que a praza do doutor Ramón Castro nunca se chegou a substituír despois de que se xubilara. A Pontenova quedaba deste xeito con tan só dous médicos, número que se axustaba, segundo como explicou o responsable provincial de Atención Primaria, ao ratio legal de doentes por facultativo. Un dos dous galenos cos que conta o centro na actualidade atópase de baixa e o Sergas non cubríu a praza.
O alcalde rexeita agora a supresión paulatina das prazas e esixe “unhos servizos públicos de calidade”, nun municipio “cunha poboación altamente envellecida, onde os pacientes xa contan cunhas patoloxías que merecen mais atención e máis tempo de consulta”.
“Esiximos ao PP que cubra a praza médica da Pontenova para que a veciñanza poida ser atendida con tódalas garantías médicas”, xa que “un médico non chega para atender aos veciños”, concluíu Campos Conde.