-Como está afrontando A Pontenova o fenómeno do despoboamento rural e cales son as políticas ideadas para fixar xente na súa municipalidade?
Estamos tentando que a xente quede usando todos os medios ao noso alcance. Aínda así non é fácil para os concellos pequenos para termos axudas moi concretas. Polo de agora, A Pontenova conta cunhas vías de comunicación en bo estado, isto permite ter activos os servizos sociais e así solicitar axudas para os mesmos. E por vías de comunicación tamén falo da conexión á Internet, pois consideramos moi necesario ter unha boa cobertura da rede para persoas que desexen teletraballar desde aquí. Nese sentido estamos traballando para a mellora do servizo de banda ancha pois aínda quedan zonas sen unha conexión axeitada. Mais se realmente queremos afrontar esta problemática, a mellor acción é crear unha política estatal ou autonómica sobre todo en cuestións fiscais e de traballo. Por que? Porque as empresas onde se están asentando é en polígonos moi ben comunicados e en cidades. A miña opinión é que os movementos migratorios sempre foron a consecuencia de grandes transformacións e isto seguirá sendo sempre así. Alén diso, coido que repoboar para ter o mesmo número de habitantes que hai cen anos non será posible.
-Aínda que fala dunha rede viaria en bo estado, ve necesaria algunha intervención co obxectivo de impulsar a comunicación da Pontenova en canto redución de distancias e tempo de percorrido?
A rede de estradas dentro do concello está ben agás algún punto que precise dun pequeno arranxo. Realmente as vías de comunicación non supoñen un problema abafante como é o despoboamento. Temos unhas estradas en condicións moi aceptables para comunicarnos cos concellos de arredor como Riotorto ou A Fonsagrada e con Asturias. Agora mesmo iso non sería un problema, pois hoxe en día en media hora estamos en Lugo, en vinte e cinco en Ribadeo, en hora e media na Coruña e tamén en Avilés.
consideramos moi necesario ter unha boa cobertura de internet para persoas que desexen teletraballar desde aquí
-Teñen en marcha estratexias para atraer empresas que teña o seu concello como base?
Agora mesmo temos un polígono industrial que está quedando pequeño pois temos solicitudes de empresas para ampliar chan industrial. Temos un convenio coa sociedade de xestión do chan, Xestur, para a ampliación en 7.000 metros cadrados o actual polígono, e de momento estamos esperando o cumprimento dese convenio asinado. Iso quere dicir que nos moveremos para axilizar a ampliación. Por exemplo, se nós para regularizar a primeira fase do polígono tivemos que realizar unha serie de prestacións, nós asinamos este convenio con Xestur para que se poida desenvolver esa superfice que nos piden varias empresas porque o chan do polígono se vai esgotando.
-Un aspecto que explota A Pontenova é o seu pasado mineiro como atractivo turístico. Van crear máis proxectos arredor do turismo de interior?
O turismo é un punto moi importante. Considero que estamos nun espazo privilexiado entre Tramundi e A Mariña onde se pode crear unha boa alternativa de cara o turismo. En relación con isto, sacamos hai pouco a contratación da tirolina para crear un novo atractivo aquí na Pontenova. Xunto a isto seguimos coa recuperación dos fornos e un novo proxecto como é a rehabilitación da ferreiría, para o que necesitariamos algún fondo europeo ou estatal para rescatala por ser a ferreiría máis antigas e das máis grandes de Galicia. Mais a nosa aposta polo turismo vai por un camiño de complementariedade a outras actividades económicas. Por outra parte, a orografía do noso territorio non permitiu un desenvolvemento moi intensivo da gandería e agricultura. Isto deu paso ao sector forestal que agora mesmo ten un peso moi destacado para a economía dos propios veciños. Seguiremos apostando por estes campos pois son os que máis futuro teñen dentro da Pontenova.
a mellor acción é crear unha política estatal ou autonómica sobre todo en cuestións fiscais e de traballo
-Segue adiante o proxecto de recuperación do tren mineiro de Vilaoudriz a Ribadeo?
En realidade era unha senda verde, unha vía peatonal que aproveitaría o traxecto por onde circulaba o ferrocarril. O proxecto era unha idea de Costas e tiña un valor de seis millóns de euros. Nós xa estamos realizando parte del, como a recuperación do forno de ferro do Boulloso e este ano buscaremos unha subvención para poñer en valor a senda verde, para iso crearemos un paseo paralelo que é unha estrada municipal estreita. En realidade, tanto este ano como o ano pasado, houbo moita xente que usaba ese tramo de senda paralela, por iso buscamos a maneira de acondicionala e pór en valor os 700 metros que nos corresponden dentro do proxecto orixinal compartido polos catro concellos por onde pasaba a vía verde. E dentro do espazo do que é a cabeza municipal, A Pontenova, queremos rematar o arranxo da Praza dos Fornos onde aínda está por finalizar un segmento deste espazo.
-Van desprazar o turismo interior de cara ás parroquias máis do interior?
As iniciativas tanto por parte de empresas como autónomos dentro do turismo rural son numerosas. Agora mesmo temos dous puntos referenciais como son a Casona da Labrada e o Lugar de Briz con certo prestixio en Galicia. Á parte están as iniciativas de particulares que están funcionando moi ben. En realidade os concellos temos pouco orzamento en axudas para iniciativas turísticas como estas, oxalá tivesemos máis. O noso orzamento vaise a maioría en atender os servizos sociais. A Xunta páganos 9 euros a hora e nós, se facemos cálculos, vemos que finalmente nos está saíndo por 13 euros a hora. Os concellos pequenos gastamos moito en servizos sociais por persoas con problemas de mobilidade e xente moi maior e coa pandemia isto incrementouse. Así que debemos ir medindo os gastos.
O noso orzamento vaise a maioría en atender os servizos sociais
-O Concello da Pontenova tampouco se entendería sen o río Eo. Aínda que as competencias sobre el son en maioría da Confederación Hidrográfica, van levar adiante desde o Concello algunha actuación nas marxes fluviais?
Pois unha idea podería ser aproveitar o seu paso para realizar actividades deportivas como o piragüismo, isto en determinadas épocas do ano. Por outra parte, aquí hai corenta anos había pequenos restaurantes e casas que daban albergue porque vivían da xente que viña pescar salmón. Agora as capturas descenderon moitísimo e iso trae a falta de afeccionados á pesca que viñan daquela. Por iso vexo necesario a recuperación deste río que é unha área praticamente sen alterar en moitos lugares. Realmente gustaríanos recuperar a capacidade de pesca de hai uns anos, por iso fixemos un estudo o ano pasado sobre a ausencia de fauna piscícola. Entre esas causas están a contaminación que da Pontenova para arriba non hai e de cara abaixo non creo que sexa excesiva. Tamén o exceso de árbores nas beiras dos ríos, a falta de coidado nos prados que agora mesmo están abandonados e ademais a invasión de especies foráneas como é o cormorán. Por último, cambio climático tamén está afectando á temperatura da auga para a cría da troita. Sobre as capturas de salmón as últimas foron de dez exemplares como máximo. Cremos que quen ten as competencias, tanto a Confederación Hidrográfica e Medio Ambiente, deberan mirar máis polo estado do río. Hai pouco tivemos que denunciar o atranco das augas desde o Concello e desde grupos de pescadores ata que solucionaron este problema. A limpeza do río é necesaria así como a das marxes.
-O proxecto que máis lle interesa ter finalizado?
Un é a tirolina. Outro é a residencia que está en contratación. No último pleno da Deputación xa aprobaron o proxecto e licitación e espero que este ano estean en construción ambos os dous.